O Concello de Ferrol iniciou a finais de maio o reparto de equipos de protección individual -EPI- entre os colectivos de comerciantes, hostaleiros e taxistas da cidade. A través das asociacións, o goberno local está a facer chegar as máscaras protectoras aos propietarios dos establecementos co fin de contribuír á loita contra a expansión da Covid-19 entre a poboación.
1.700 máscaras para conter o virus
O concelleiro de Urbanismo, Infraestructuras, Mobilidade, Vivenda e Rehabilitación, Julián Reina, entregou no día de onte ao presidente da asociación de veciños de Covas, Manuel Sendón, outras 1.700 máscaras protectoras, que serán distribuídas entre os hostaleiros e comerciantes do barrio.
O reparto proseguirá ata chegar ao resto de asociacións de Ferrol, que recibirán o material en función do número dos seus empregados. Nos próximos días o Concello entregará EPI á Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e Comarca e a Hoscompro Canido, que aglutina a comerciantes e hostaleiros do barrio.
Tras a entrega do material, Reina e o representante veciñal mantiveron unha reunión para abordar as necesidades do barrio e as demandas dos veciños de Covas, explicou o concelleiro, «na liña do goberno local de manter contacto periódico coas entidades veciñais da nosa cidade», tal e como explicou Reina.