Toda a veciñanza de Ares e, en especial a afección do CR Ares, están de noraboa tras poder celebrar dende onte domingo 30 de agosto a permanencia do club de remo local na máxima categoría nacional de traiñeiras, nun trepidante final de tempada onde a foto-finish tivo que proclamar un campión de carreira, sendo esta a primeira vez que o Santurtzi Tranportes y Gruas Aguado vence na XXX Bandeira Concello de Boiro.
Unha permanencia máis que merecida
Antes de que arrincara esta fin de semana decisiva para as aspiracións do CR Ares, estes ocupaban a penúltima praza da clasificación xeneral con 55 puntos, sacándolles tan só dous puntos ao seu rival máis próximo, o Zarautz Babyauto.
Porén, os nervios non puideron facer fronte ás ansias deste equipo á hora de consolidar o seu posto un ano máis na máxima categoría nacional de traiñeiras, a Eusko Label Liga, e souberon aguantar ata o final para chegar antes que os seus rivais directos á liña de meta.
Exactamente na primeira quenda estaba en xogo o posto pola permanencia entre Ares e Zarautz e, a pesar de que no primeiro longo ambas as tripulacións e Ondarroa chegaron case á vez, a partir de aí a traiñeira galega impúxose Xa en meta, CR Ares asinaba un tempo de 20:24.66 mentres que o Ondarroa Cikautxo non puido aguantar o ritmo dos galegos chegando a meta cun tempo de 20:33.38. Finalmente Zarautz Babyauto, ao ver que o seu rival escapábase conseguía parar o cronómetro en 20:40.90.
Agradecementos á afección
«Tras o trepidante final da tempada regular na Eusko Label Liga e, cumprindo o obxectivo de permanencia para a tempada 2021, queremos dedicar o triunfo da salvación a todos os socios e simpatizantes do C. R Ares», publicaba o equipo nas súas redes sociais en homenaxe a todos os seus afeccionados que sempre estiveron apoiando á entidade.
«Este ano apoiáronnos desde a distancia, non puideron acompañarnos en todos os campos de regatas como é o habitual e, aínda así, a Santa Olalla sentiu os seus berros de alento en cada regata», finalizaban neste final de tempada de infarto, aínda que con final feliz.