Mañá martes 1 de setembro está previsto que comece o traballo da pretempada do BAXI Ferrol baixo as ordes do seu adestrador por outra tempada máis Lino, que terá como axudantes a Sandra Prieto e Sergio Jaurena.
Os tres integrantes do corpo técnico, xunto coa fisioterapeuta Carlota Brage e as xogadoras nacionais Patri Cabrera, Natalia Rodríguez, Patricia Benet, Laura Fernández e Irene Gari, ademais das juniors Sonia Bra e Carla Pena, sometéronse na mañá de onte domingo 30 ás probas do Covid-19, no Hospital Juan Cardona, dando negativas en todos os casos, polo que esas persoas serán as que inicien esta mañá os adestramentos no pavillón da Malata.
Para este primeiro día, as sesións están programadas para as 12.00 e 21.00 horas. A partir do xoves iranse incorporando as xogadoras estranxeiras, que ao chegar tamén se someterán ás probas do coronavirus e cando se saiba o seu resultado iranse integrando aos adestramentos.
O xoves está prevista a chegada da finlandesa Anniina Aijanen e da somoana Dynn Leaupepe, e ao día seguinte será a quenda das arxentinas Andrea Boquete e Julieta Mungo. O sábado chegará a Ferrol a surafricana Sune Swart. A última en incorporarse será a americana Jenna Allen, que non estará ás ordes de Lino López ata mediados de mes.
Cabe destacar que, en principio, o comezo da liga Feminina 2 está programado para o día 3 de outubro, co desprazamento do equipo ferrolán a Pontevedra, para medirse ao Arxil.