A concelleira de Economía, Facenda e Patrimonio, Recursos Humanos, Emprego, Promoción Económica, Turismo, Estatística e Edusi, María Teresa Deus, vén de informar que os servizos económicos do Concello de Ferrol ingresarán no día de mañá martes 1 de setembro as axudas correspondentes ao Plan de Mellora para a Empregabilidade -PAME-.
Foron aprobadas 1.155 das solicitudes que se presentaron, por un importe total de 1.707.630 euros, mentres que o número de desestimacións por non cumprir as condicións esixidas nas bases reguladoras específicas e na súa convocatoria foi de 226.
As listaxes definitivas das axudas están a disposición dos solicitantes na web do Concello de Ferrol. Poden consultarse no apartado «Axudas PAME», ao que se accede dende a páxina principal, e tamén no taboleiro de anuncios do Concello. Os enlaces directos a ambos son os seguintes: https://www.ferrol.gal/AxudasPAME/Indice e https://www.ferrol.gal/Sede/TaboleiroAnuncios.
Axudas a autónomos e PEMES
O Plan de Mellora para a Empregabilidade -PAME-Ferrol- contempla axudas a autónomos e pequenas empresas co fin de paliar os efectos da epidemia da Covid-19. Estas subvencións foron deseñadas pola concellería de Emprego e Promoción Económica dirixida por María Teresa Deus.
O alcalde, Ángel Mato, explicou tras anunciar a convocatoria que ditas medidas «de apoio ao tecido económico da cidade», aprobadas por unanimidade no pleno extraordinario do pasado 27 de abril, buscan «impulsar a actividade económica de Ferrol e protexer o emprego».
O Concello de Ferrol destinou dous millóns de euros ao PAME, co que pretende promover o dinamismo económico outorgando liquidez ás empresas para que atenúen o impacto da redución de ingresos e poidan manter os postos de traballo.
Próxima unha segunda convocatoria
O Concello xa está ultimando unha segunda convocatoria do PAME con cargo ao remanente. A cantidade dispoñible é de 292.370 euros que servirían para que os solicitantes que non cumpriron os requisitos contemplados nas bases poidan optar de novo ás axudas, unha vez que subsanen o problema. Tamén para que poidan pedir a subvención quen por outros motivos non o fixeron na primeira convocatoria.