A Deputación da Coruña vén de adxudicar por 199.514 euros as obras de renovación da capa de rodaxe da estrada provincial DP 3607 de Valón a San Xurxo, entre os puntos quilométricos 0+000 e 4+300, no termo municipal de Ferrol.
As obras, incluídas no Plan de Conservación de Estradas, iniciaranse coa apertura de cunetas, roza da maleza e limpeza das beiravías, para proceder despois ao fresado ou demolición das numerosas zonas nas que o pavimento actual está deteriorado e a reposición da capa de rodaxe cunha capa de mestura bituminosa en quente de 5 cm de espesor. Inclúese o pintado das marcas viais e pasos de peóns.
As obras afectarán aos primeiros 4,3 quilómetros do vial e terán unha duración estimada de 3 meses a partir do seu inicio. Permitirán contar cunha estrada máis segura e cómoda para a circulación.