A curva de contaxiados por coronavirus nas comarcas de Ferrolterra segue a súa liña ascendente. Segundo os datos actualizados pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade na área sanitaria de Ferrol contabilízanse un total de 144 positivos, 11 máis ca onte. Destes 144 pacientes, 140 permanecen nos seus respectivos domicilios e 4 en unidades de hospitalización, polo que nas últimas 24 horas un infectado tivo que ser atendido debido ao empeoramento da súa sintomatoloxía.
En total, contabilízanse 638 casos detectados ata o momento, só dous máis que onte, polo que segundo as últimas cifras hai un total de 13 positivos máis, sendo 11 tras as dúas altas confirmadas.
Estes números non se acadaban desde antes da desescalada. Habería que remontarse ata primeiros de maio, aínda en pleno Estado de Alarma, para atopar cifras similares. Desde que o Sergas ofreceu oficialmente rexistros de casos activos na área de Ferrol, que foi o 29 de abril, o máximo acadado foi de 159 pacientes contaxiados por Covid.
Mentres, o CHUF continúa co seu plan de detención temperá do Covid, co que xa leva realizadas máis de 25.000 PCR das cais só un 3% foron positivos nas últimas dúas semanas. Actualmente a meirande parte dos gromos están controlados e cada vez son máis os casos illados que apenas presentan sintomatoloxía. Aínda así, é máis necesario que nunca adoptar as diferentes medidas de prevención do virus para evitar que o número de contaxiados siga esta curva ascendente evitando calquera posible colapso sanitario, e máis tendo en conta a volta ás aulas cada vez máis preto.