O Concello de Narón recibiu unha subvención de 84.458 euros para continuar desenvolvendo o proxecto «Narón, produtos da ría» durante este ano e o 2021. O edil de Promoción Económica, David Pita, indicou que dende a administración local se solicitou á Consellería do Mar esta subvención «para sufragar o 80% dos gastos dun proxecto máis ambicioso, que está orzamentado en 122.452 euros, aportando a cantidade restante para completar o importe total dende as arcas municipais».
Con este proxecto dende o Concello pretende seguir poñendo en valor os produtos da ría, apoiando a un sector que está atravesando unha situación complicada e co que tamén queren implicarse dende o goberno local. O edil naronés indicou que «se tratará de implicar tamén ao movemento asociativo e ao sector hostaleiro da nosa cidade, considerando que poden xogar un papel fundamental neste proxecto no que queremos que participe toda a cidadanía».
Algunha das actividades que se realizarán serán accións formativas, publicitación do proxecto e exaltación de produtos da ría, destacando as cinco especies de marisco de gran calidade que se capturan nesta ría: ostra salvaxe, zamburiña, ameixa rubia, mincha e carneiro, formarán parte desta iniciativa.
O obxectivo final é «continuar desenvolvendo dende o Concello accións encamiñadas a difundir a riqueza dos produtos da ría, artellando diferentes accións en colaboración cos sectores implicados e coa cidadanía en xeral e no que xogará un papel fundamental o Club Narón Gastronómico, creado no seu día para impulsar iniciativas como as que se desenvolven a través do proxecto «Narón, produtos da ría»», explicou o edil.
A axuda, procedente do Fondo Europeo Marítimo de Pesca solicitouse ao abeiro das estratexias de Desenvolvemento Local Participativo aprobadas pola Consellería do Mar aos Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro -GALP-.