As Pontes prepara unha volta ás aulas o máis segura posible

Desinfección de zonas comúns así como exhaustivos controis de temperatura é o que ten preparado o goberno local, o cal esixe á Xunta unha maior responsabilidade
Reunión Membros goberno

A situación sanitaria en prácticamente todas as comarcas galegas é moi indecisa debido aos novos gromos xurdidos pola Covid-19, e esta inquedanza aumenta ao saber que quedan cada vez menos días para que de comezo a volta do alumnado e docencia aos centros educativos. É por iso que o Concello das Pontes coordina cos centros educativos do municipio as medidas do protocolo COVID, fixadas polas autoridades sanitarias para evitar contaxios entres os membros da comunidade educativa.

O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, subliña o compromiso do goberno local coas familias pontesas e cos equipos directivos dos centros educativos do municipio para reducir ao mínimo as posibilidades de contaxio do coronavirus na contorna educativa.

En palabras do rexedor local, «a educación é un piar fundamental da nosa sociedade e, desde que coñecemos o protocolo do goberno autonómico, estamos traballando de forma coordinada para preservar o inicio do curso e contribuír, na medida das nosas competencias e medios, a conseguir contornas escolares seguras no noso municipio, colaborando estreitamente co persoal directivo dos centros educativos aos que lles agradecemos o seu traballo e esforzo para a posta en marcha das medidas sanitarias».

Reunións cos responsables dos centros educativos

Desde a Concellería de Educación, dirixida por Tania Pardo, mantivéronse diversos contactos ao longo de todo o verán cos equipos directivos dos centros educativos para coordinar o plan de actuacións, dentro do ámbito das competencias municipais, de cara ao inicio do próximo curso escolar.

Maior desinfección e controis de temperatura

Así, o Concello das Pontes reforzará o servizo de limpeza en todos os colexios coa ampliación da plantilla do departamento de Servizos para garantir que os centros educativos podan levar a cabo as tres limpezas de baños, aulas e espazos comúns que esixe o protocolo sanitario elaborado polo goberno autonómico.

Por outra banda, durante o período lectivo, o Concello procederá á desinfección das zonas comúns dos centros educativos -patios, accesos, zonas de lecer…- varias veces ao día, antes do inicio das clases e dos recreos. Ademais, o Concello das Pontes instalará túneles de control de temperatura, fabricados pola empresa local Arteixo Telecom, mediante escaners térmicos dixitais sen contactos, antes do acceso ao centro.

Asemade, o Concello tamén adquiriu dispensadores de solución desinfectante de mans que se ubicarán no exterior de cada centro educativo e  alfombras descontaminantes para os accesos e procederá á sinalización das entradas dos colexios para asegurar o distanciamento físico e lembrar as normas sanitarias para evitar contaxios, medidas que se verán reforzadas coa presenza de membros de Protección Civil e Policía Local para evitar aglomeracións nas entradas dos centros a primeira e última hora da mañá

Falta de responsabilidade da Xunta

Ademais a edil lamentou que a Xunta de Galicia, con competencias plenas, «faga recaer a responsabilidades sobre os centros, ANPAs e concellos sen dotalos dun marco estable, seguro e cos recursos humanos e materiais necesarios que permitan afrontar o desenvolvemento do curso 2020-2021 coas máximas garantías posibles».

A concelleira tamén reclama ao goberno autonómico que “dote aos centros do profesorado e persoal suficiente para garantir unha actividade educativa correcta en calquera dos escenarios posibles que se poidan dar ao longo do próximo curso”.

Os vindeiros días, a responsable da área de educación do Concello das Pontes manterá diversos encontros cos representantes das ANPAs locais e convocarase un Consello Escolar Municipal Extraordinario para informar ás familias e axentes socias das medidas consensuadas cos centros escolares, con motivo do inicio de curso escolar 2020/2021.

 

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.