O BNG de Ferrol propuxo onte luns 7 de setembro a elaboración dun censo municipal de espazos que permita o inicio do curso escolar garantindo as medidas de seguridade sanitaria, a maiores de esixirlle á Xunta o incremento do profesorado así como responsabilizarse das súas competencias relativas aos comedores escolares e limpeza dos diferentes centro educativos.
Un Consello Escolar Municipal cheo de reclamacións
O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol acudirá hoxe a reunión do Consello Escolar Municipal para abordar a situación dos centros de ensino tras o inicio do actual curso escolar, co obxectivo de que todo o colectivo escolar apoie as demandas e mobilizacións da comunidade educativa en contra do protocolo activado pola Xunta.
«A alternativa para asegurar a reincorporación ás aulas dos nenos e nenas é simple, e pasa por dotar de máis profesorado e máis espazos que permitan cumprir cos requisitos de seguridade sanitaria baixando as ratios por aula e gardando as distancias sociais», esixiron dende o partido político.
Demandas á Xunta polo protocolo escolar
Debido ás novas e polémicas medidas adoptadas pola administración autonómica, o bloque proporá que se lle esixa a Xunta a elaboración e financiamento do Plan extraordinario de limpeza e mantemento dos colexios de Ferrol, así como a responsabilidade respecto dos comedores escolares. «Unha competencia autonómica que leva anos sen asumir e que nun contexto como o actual faise máis urxente todavía unha dotación económica e un servizo acorde as necesidades do alumnado», finalizaban.