O Concello de Cedeira convoca unha nova edición de «Cantos e Contos ao Solpor» para poñerlle fin ao verán con eventos culturais ao pé da rúa e espectáculos que, por primeira vez, se trasladan tamén ás parroquias.
Programación de «Cantos e Contos ao Solpor»
A programación dará comezo o día 12 de setembro coa representación da obra «Costureiras» a cargo de Ángeles Goás e Felipe Díaz -Coxoto-. A praza da Rectoral acollerá ás 20.00 horas un espectáculo de narración oral.
A segunda cita do programa será o día 19 e terá lugar no local social de Torroiba -Cervo-, a partir das 20.00 horas. A actriz e escritora Paula Carballeira interpretará a obra «Historias de arrepío», unha sesión de contacontos para gozar de medo coas historias da tradición oral galega.
O presente mes rematará cun monólogo cómico a cargo de Pedro Brandariz o día 26, ás 20.00 horas, no local social da AVV de San Román. Brandariz subirase ao escenario para analizar a vida dos galegos, en canto a súa cultura, idioma e familia, de ahí o seu nome «Profundizando na Galiza profunda».
O programa «Cantos e Contos ao Solpor» pechará o día 3 de outubro coa obra «Divas de Divan» interpretada por Ángeles Goés, Vero Rilo e Carmen Conde no local social de Saa -Esteiro-, a partir das oito da tarde. As tres actrices xúntanse arredor dunha mesa mentres pican queixo de tetilla, comparten uns chourizos e proban que pementos picantes e cales non para contar historias da erótica do país.
Dende a administración local queren lembrar que será obrigatorio o uso de máscara en todos os espectáculos e que as cadeiras iranse asinando por orde de chegada coa intención de garantir a distancia de seguridade entre os asistentes.