A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, participou hoxe mércores 9 de setembro nunha nova reunión con técnicos de Meteogalicia e da Consellería do Medio Rural para avaliar a evolución hidrolóxica. A Oficina Técnica da Seca mantén o estado de prealerta nas comarcas de Ortegal como medida preventiva ata a consolidación dos niveis dos ríos e encoros, activada desde o pasado mes de xullo.
As choivas rexistradas en agosto permitiron que as concas da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa alcancen valores dentro da normalidade para este mes. A prealerta é unha situación de aviso temperán para prepararse ante un eventual escenario de seca e implica o seguimento continuo dos caudais de ríos.
Esta entidade reunida hoxe está integrada por técnicos de Augas de Galicia, da Consellería do Medio Rural e de Meteogalicia, que volverán celebrar unha nova reunión nas próximas semanas para avaliar a situación e adoptar as medidas necesarias. Augas de Galicia continúa coa realización dun seguimento continuo e exhaustivo da evolución da totalidade de encoros e ríos.
A activación da prealerta realízase como aviso temperán para prepararse con suficiente antelación ante un eventual escenario de seca e implica un incremento do seguimento continuo dos caudais nos ríos nestas zonas. A Xunta reitera o chamamento aos concellos e á cidadanía en xeral para que leve a cabo un consumo responsable da auga e, de maneira especial, nas zonas nas que está activa a prealerta.