Coincidindo co inicio do curso escolar 2020-2021, o Concello de Ortigueira puxo en marcha este xoves 10 de setembro o programa de conciliación municipal Conciliortigueira, Almorzos na Escola, do que este ano se benefician un total de 15 familias e que ten como finalidade axudar a conciliar a vida laboral e familiar. O horario do servizo é de luns a venres de 7.30 a 9.30 horas.
A concelleira de Igualdade, María Belén Bello Castro, e o persoal do Centro de Información á Muller reuníronse onte coas familias no Centro Social para comentarlles as novidades do comezo de curso como consecuencia da Covid-19 e as medidas de distanciamento social, hixiene, etc. que hai que adoptar. O programa Conciliortigueira está cofinanciado pola Secretaría Xeral de Igualdade e o Fondo Social Europeo.