A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, vén de comunicar a concesión de axudas en materia de silvicultura activa a 6 beneficiarios da comarca de Ferrolterra por un importe de máis de 142.000 euros.
A concesion das axudas notificáronse electronicamente esta semana, as cales van dirixidas a rareos e podas en masas de coníferas, así como tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras, e para a rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiro.
Destinatarios
Trátase maioritariamente de axudas destinadas a comunidades de montes veciñais en man común, pero tamén son perceptores as asociacións e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrarias, proindivisos, entidades locais, comunidades de bens, montes de varas, Sofor e propietarios particulares de xeito individual.
Identidade galega
Estas axudas están bianualizadas e practicamente a totalidade da contía concedida, sobre o 90%, correspóndese ao primeiro semestre do vindeiro ano 2021. O obxectivo desta axuda pública enmárcase no fomento dunha «nova arquitectura verde» a prol da sustentabilidade, da prevención, da multifuncionalidade e da posta en valor dos montes, co fin de que estes constitúan a cerna dun sector forestal que se consolida definitivamente como unha actividade rural identificativa de Galicia.