Na madrugada do domingo 13 de setembro a veciñanza de Sedes levouse un gran susto sobre as 00.30 horas da noite, despois de que un vehículo sufrira un estrepitoso accidente tras envorcar nas proximidades do local social da localidade.
O suceso tivo lugar entre a estrada que une Sedes con Valdoviño e non se viu ningún outro coche involucrado, polo que todo apunta a que o envorcamento lateral debeuse a unha conducción irregular por parte do propietario do vehículo.
Despois de que o 112 fose alertado do choque, este mesmo avisou ao Speis de Narón que, xunto a unha ambulancia medicalizada, desprazáronse ao lugar dos feitos para controlar a situación. O condutor do vehículo, un varón de mediana idade, foi trasladado a un centro hospitalario para realizar unha valoración máis completa debido ao accidente.
Pola súa banda, o persoal do Speis sinalizou a zona para controlar enerxías e derrames derivados de combustibles ou outros líquidos propios do motor. Así mesmo, realizouse un control de estabilización do vehículo que, atendendo ás condicións climatolóxicas e á situación do mesmo, inicialmente non revistiu perigo de caída. O regreso dos profesionais do Speis ao parque tivo lugar ás 01.15 horas, pouco máis de media hora de actuación.