Esta mañá do luns 14 de setembro celebrouse a Xunta de Goberno Local onde se tratou o tema das obras de ampliación do viario de acceso ao cemiterio de Serantes, as cales comezarán antes de que remate o mes de setembro despois de que na sesión de hoxe aprobárase o Plan de Seguridade e Saúde dos traballos.
Esta actuación, incluída no Plan de Obras e Servizos -POS+2018- da Deputación da Coruña, prevé obras entre a rotonda da DP-3612 e o acceso á igrexa de Serantes, un espazo que o proxecto divide en dous tramos: o comprendido entre a glorieta e o inicio do camiño de acceso ao lugar de Aneiros e o que resta ata pasar o camposanto.
Beirarrúas e zonas de estacionamento lateral
Actualmente o ancho da calzada vai dos 5,5 metros no primeiro tramo ata os 3,30 no acceso á igrexa, e carece de beirarrúas e zonas habilitadas para o aparcamento de vehículos. O proxecto inclúe para o primeiro tramo unha beirarrúa de 1,80 metros, 2,20 para estacionamento lateral, dous carrís de 2,50 metros cada un e unha beiravía. No segundo haberá 2,20 metros de ancho para estacionar a ambos lados, unha calzada de case 4 e unha beiravía de 2.
Nova tubaxe de PVC para mellorar o saneamento
O proxecto contempla, entre outras actuacións, unha nova tubaxe de PVC que se conectará ao saneamento de pluviais executado na estrada DP- 3612, a conexión da saída do cemiterio á rede de saneamento e augas fecais, ramplas nas beirarrúas e tamén a colocación de bandas de aviso nos cruces de peóns.
O prazo de execución das obras é de catro meses desde a firma da acta de comprobación de replanteo. A actuación conta cun orzamento de 227.433,86 euros. Reina explicou que con esta actuación o goberno local busca «mellorar a seguridade viaria tanto para peóns como para condutores nunha parroquia tan rural ao tempo que tan urbana que merecía a execución deste proxecto».