Esta tarde foi localizado o corpo sen vida dun home que se atopaba a bordo dunha embarcación en Ortigueira. Unha persoa particular foi quen deu co cadáver, mentres navegaba na ría de Ortigueira, a un quilómetro do peirao desta localidade.
Foi esta persoa quen contactou enseguida co 112 Galicia, uns minutos despois de únaa da tarde, para dar conta de que atopara unha lancha á deriva cun home tendido no seu interior. Foi a propia persoa alertante quen remolcou a lancha, coa axuda da súa embarcación, ata o porto de Ortigueira. Xa en terra, os servizos médicos tan só puideron confirmar o seu falecemento. A autopsia será a que clarifique en última instancia se o home morreu de forma natural mentres navegaba ou sufriu algún tipo de accidente dentro da embarcación.
Desde o CIAE 112 Galicia púxose a situación en coñecemento de Salvamento Marítimo, do Servizo de Gardacostas de Galicia, de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos axentes da Garda Civil e da Policía Local, dos efectivos do GES de Ortigueira e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.