O portavoz do Grupo Popular José Manuel Rey Varela presentou onte a primeira das tres mocións que os populares defenderán no pleno de fin de mes, que se celebra este xoves. Así recollendo a petición histórica da asociación de veciños San Salvador de Serantes solicitarán a ampliación do local social, «instalación que se lles quedou pequena dado o variado e amplo programa de actividades sociais, culturais e lúdicas que realizan durante todo o ano», avanzou o portavoz popular.
«O proxecto de ampliación que propoñemos foi acordado cos veciños e veciñas e coa entidade veciñal que participaron na elaboración do deseño. Un deseño que aposta por unhas instalacións modernas, accesibles e con novos espazos para o desenvolvemento de diferentes actividades entre as que se atopan actividades sociais para maiores relacionadas coa prevención de dependencia, talleres de memoria e outros servizos como fisioterapia, podoloxía e odontoloxía», dixo Rey Varela. O PP tamén pedirá ampliar a oferta lúdica, dirixida aos nenos e nenas, grazas ao novo local anexo que contaría cunha superficie de 200 metros cadrados.
Rey Varela destacou o importante traballo que realizan as asociacións veciñais que son a principal canle de comunicación coas diferentes administracións ás que trasladan a defensa e intereses xerais dos cidadáns. «Temos que ver o auxe e fortalecemento destas entidades como unha valiosa ferramenta para a administración máis próxima, neste caso para o concello de Ferrol, porque canalizan as diferentes demandas por barrios, detectando problemas, deficiencias, necesidades e tamén expectativas que os veciños desa zona queren resolver”, afirmou o líder dos populares ferroláns.
Por iso, o portavoz popular pediu o apoio de toda a corporación para esta moción na que se insta ao goberno municipal a redactar o proxecto de ampliación do local social da AVV San Salvador de Serantes e a súa execución neste mandato.