O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, mediante unha resolución emitida pola Capitanía de Ferrol da Dirección Xeral da Mariña Mercante -DGMM-, limitou a navegación aos barcos de vela de eslora igual ou inferior a 15 metros de eslora no espazo marítimo adxacente entre o Cabo Prioriño Grande e a Punta de Estaca de Bares.
O principal obxectivo desta medida é previr novos encontros coas orcas que, durante as últimas semanas, protagonizaron varios incidentes na zona costeira de Galicia nos que se viron involucrados varios veleiros principalmente. Con todo, as embarcacións de vela afectadas pola resolución poderán navegar de forma perpendicular á zona delimitada para acceder á zona costeira ou saír dela cara ao mar.
Continuos ataques de orcas
Os incidentes coas orcas en zonas costeiras españolas comezaron a detectarse o pasado 19 de agosto e, desde entón, producíronse varios ataques a veleiros que provocaron danos materiais de distinta consideración, sobre todo no temón das embarcacións. Algúns destes incidentes requiriron a intervención de efectivos de Salvamento Marítimo pola súa gravidade.
As interaccións con orcas afectaron, sobre todo, a veleiros de tamaño medio, dunha eslora igual ou menor a 15 metros. Ademais, todos os encontros coas orcas producíronse entre as 2 e as 8 millas náuticas de costa e a velocidade de navegación oscilaba entre os 5 e os 9 nós, xa fose exclusivamente a vela ou a vela e motor.
Medida de salvagarda mutua
Na resolución, a Dirección Xeral da Mariña Mercante asegura que esta medida adóptase para «garantir a integridade das persoas e a das propias orcas» e resalta que se trata dunha medida «proporcionada, obxectiva e non discriminatoria en salvagardar de forma mutua a conservación da biodiversidade mariña e da seguridade da navegación».
En principio entoru en vigor a noite de onte como «Aviso dos Navegantes» e prolongarase durante unha semana, aínda que non se descarta ampliar a medida a outras zonas seguindo o roteiro migratorio das orcas. Como medida preventiva, a DGMM tamén pide aos navegantes que cumpran o RD 1727/2007 de medidas de protección dos cetáceos, no que se indica que, en caso de encontro cun cetáceo, débese manter a navegación co mesmo rumbo e velocidade, sen realizar cambios bruscos nin tratar de aproximarse a menos de 60 metros do exemplar ou exemplares.