«Terras altas de Cabanas», a andaina de 22 quilómetros coa que visitar a historia e as belezas paisaxísticas locais

O Club Montaña Ferrol e o goberno municipal organizan este domingo 27 de setembro un roteiro co que percorrer as parroquias de Regoela, Soaserra e Salto
roteiro tres parroquias (2)

O Club Montaña de Ferrol e o Concello de Cabanas, a través da Concellaría de Turismo, organizan este domingo 27 de setembro a andaina «Terras altas de Cabanas», un percorrido de 22 quilómetros a través das parroquias de Regoela, Soaserra e Salto. As persoas interesadas en participar deben apuntarse previamente chamando ao 660 222 178. A hora de saída está prevista para as 10h, con chegada ao punto de orixe ás 16h.

22 quilómetros cheos de historia e belezas paisaxísticas

O roteiro combina paisaxe con historia, e no seu percorrido permite achegarse a castros, mámoas, muíños, fontes, pedrafitas e igrexas, así como gozar das vistas que se poden ollar desde diversos puntos do camiño. Ademais, tamén permite achegarse a algúns dos lugares empregados polos fuxidos durante a Guerra Civil e posterior ditadura franquista.

«O percorrido permite coñecer a zona alta de Cabanas, que concentra en pouco espazo un rico patrimonio material e inmaterial, descoñecido por moitas e que queremos pór en valor”, sinalou o tenente alcalde e responsábel da área de turismo, Iago Varela.

Pola súa banda, Xan Ramírez, presidente do Club Montaña de Ferrol, explicou o proceso de deseño do roteiro. «A idea xurdiu a finais de verán de 2019, co obxectivo de unir nun percorrido a carga histórica de Regoela, co patrimonio de Soaserra, e o Pico Castro pasando por Salto», explicou Ramírez. «O resultado é un percorrido circular con gran contido histórico e panorámico», concluíu.

Tanto Varela como Ramírez destacaron a boa sintonía entre ambas entidades para levar a cabo colaboracións coma esta, que encaixan dentro da planificación dun mapa de roteiros estable no que se está a traballar desde a área de turismo.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.