Afundación, a Obra Social de ABANCA, Lunwerg Editores e o Concello de Ferrol inauguraron esta mañá ás 11.00 horas a exposición de imaxes do recoñecido fotógrafo Philippe Plisson, «Vivir o mar». Asistiron ao acto de inauguración Antonio Golpe, primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Cultura de Ferrol, e Verónica Rego López, coordinadora da Sede Afundación Ferrol. Poderase visitar ata o 25 de outubro a pé de rúa na praza de Armas da cidade grazas á implicación neste proxecto do Concello ferrolán, trasladando así a cultura aos espazos abertos.
25 anos fotografando a deixadez das augas
As emblemáticas fotografías de Plisson son o resultado de vinte e cinco anos de traballo en cincuenta países diferentes. A forza e a beleza das instantáneas axudan a sensibilizar e a visibilizar sobre o estado dos mares e océanos e invitan a adquirir un compromiso coa conservación do medio mariño, orixe e sustento da vida no noso planeta.
Con esta exposición, Afundación sae á rúa compartindo espazos de lecer, de paseo, e enriquecendo os momentos de encontro nos espazos públicos cunha achega cultural de primeira orde que reúne mensaxe, beleza, transcendencia e emoción. Neste caso, o encontro será na emblemática praza de Armas ferrolá.