Narón retomará o vindeiro mes de outubro as actividades dirixidas a persoas maiores nos Centros Comunitarios das Vivendas da Mariña e Manuela Pérez Sequeiro.
Así o indicou a concelleira de Benestar Social, Catalina García, que explicou que as sesións retomaranse dun xeito paulatino, informando ás persoas que están anotadas nas actividades por vía telefónica para indicarlles o día e a hora que lles corresponde.
Blindaxe da seguridade pola Covid-19
A situación actual derivada da crise sanitaria da COVID 19 trouxo consigo cambios nos programas e servizos municipais, entre eles o programa de Envellecemento Activo para a tempada 2020-2021 que tivo que adaptarse a esta nova realidade.
«Queremos garantir en todo momento a seguridade das persoas e que poidan participar nas actividades con todas as medidas de protección fronte á COVID 19”, indicou a edil. Por outra banda, a edil apuntou que por esta mesma razón se programou o inicio nos dous centros municipais “e paulatinamente impartiranse tamén esas actividades para maiores nos Centros Cívicos Sociais da zona urbana e rural”.
A concelleira de Benestar Social solicitou de antemán desculpas ás persoas que participan nas actividades de maiores polas molestias que poida ocasionar o feito desta incorporación gradual e cambios en datas e horarios con respecto a anos anteriores.