A Deputación da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) iniciaron no cemiterio parroquial de Serantes, en Ferrol, os traballos para localizar e delimitar unha das fosas relacionadas coa represión franquista. A intervención arqueolóxica, que se prolongará ata o 11 de setembro, parte dunha investigación histórica que documenta polo menos 197 persoas enterradas no cemiterio entre 1936 e 1942.
O proxecto busca determinar o estado de conservación da fosa e valorar as posibilidades de recuperar os restos das vítimas. No caso de localizarse restos óseos, estes serán sometidos a estudos de antropoloxía forense que poderían permitir avanzar na súa identificación.
Un dos principais puntos de enterramento documentados
Segundo o estudo realizado polo grupo de investigación Histagra da USC, a maior parte dos 197 enterramentos produciuse nos meses posteriores ao golpe de Estado de xullo de 1936. Pola súa dimensión, Serantes é considerado un dos principais espazos da provincia vinculados á represión franquista.
Durante a visita aos traballos, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou que detrás das cifras existen persoas e familias que levan décadas buscando respostas. “Detrás desa cifra hai 197 vidas, 197 historias e centos de familiares que teñen dereito a coñecer o que aconteceu”, afirmou.
Na comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal, as investigacións históricas contabilizan 904 vítimas da represión franquista, cuxos nomes están tamén recollidos no monumento situado en Canido, en Ferrol.
Unha investigación arqueolóxica e forense
A primeira fase dos traballos consistirá na realización de catas arqueolóxicas para localizar e delimitar con maior precisión a fosa, así como para coñecer o seu estado de conservación. Os resultados determinarán os seguintes pasos da intervención.
O estudo arqueolóxico está coordinado por José Carlos Sánchez Pardo, da USC e do CISPAC, mentres que os traballos sobre o terreo corren a cargo de Tempos Arqueólogos. Se aparecen restos humanos, entrará en xogo a antropoloxía forense, coordinada polo investigador Edgard Camarós.
Estes estudos permitirán analizar os restos e comprobar, entre outras cuestións, se presentan indicios de violencia compatibles cos feitos investigados. A investigación histórica está coordinada por Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho, de Histagra, co traballo de Xurxo Antelo e Lucía Santiago.
Os primeiros resultados das catas están previstos a partir do 9 de setembro, segundo avanzou Lucía Santiago, responsable do estudo histórico sobre a fosa de Serantes.
O papel das familias
A investigación previa contou coa colaboración da Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática de Ferrol e das familias das vítimas. Precisamente, a memoria conservada por estas familias foi fundamental para reconstruír la historia dos enterramentos, mediante nomes, fotografías, documentos e testemuños.
Agora, o equipo investigador fai un novo chamamento ás persoas que teñan familiares represaliados ou dispoñan de información sobre os enterramentos de Serantes para que acheguen datos que poidan completar a investigación.
A súa colaboración tamén será importante no caso de localizarse restos susceptibles de identificación, xa que as mostras xenéticas dos familiares permitirían realizar futuros cotexos de ADN.
Un proxecto que se estende a tres enclaves
Os traballos de Serantes forman parte dun convenio entre a Deputación da Coruña e a USC para investigar tres espazos da provincia relacionados coa represión franquista: Serantes, en Ferrol; Beira, en Carral; e Boisaca, en Santiago de Compostela.
O proxecto dispón dun financiamento de 150.000 euros, procedentes do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, e reúne especialistas en historia contemporánea, arqueoloxía e antropoloxía forense.
En Beira, os traballos remataron en xullo coa localización de catro corpos, dos que dous puideron ser exhumados. A intervención no cemiterio compostelán de Boisaca está prevista para os próximos meses.