A Deputación e LALIGA estudan fórmulas para renovar os campos de fútbol da provincia e profesionalizar os clubs de base

O acordo abordado por Valentín González Formoso e Javier Tebas contempla tamén a creación dunha escola de xestión económica para as entidades deportivas
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, mantivo esta mañá no seu despacho da institución provincial unha reunión co presidente de LALIGA, Javier Tebas | Deputación da Coruña
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, mantivo esta mañá no seu despacho da institución provincial unha reunión co presidente de LALIGA, Javier Tebas | Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña e LALIGA abriron unha vía de colaboración para mellorar as instalacións deportivas municipais e reforzar a xestión dos clubs de fútbol base da provincia. O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, e o presidente de LALIGA, Javier Tebas, reuníronse na Coruña para analizar posibles proxectos conxuntos.

Entre as principais propostas figura a procura de solucións para facilitar aos concellos a renovación dos campos de fútbol de herba artificial, moitos deles próximos ao final da súa vida útil, así como a creación dunha escola de formación para mellorar a xestión económica e profesionalización das entidades deportivas.

Asesoramento para renovar os campos

A antigüidade de boa parte dos campos de herba artificial converteu a súa renovación nunha das actuacións máis demandadas polos concellos. Segundo explicou a Deputación, este tipo de obras supón actualmente un investimento medio de entre 260.000 e 300.000 euros por instalación, unha cantidade difícil de asumir para moitos municipios.

A institución provincial e LALIGA estudarán fórmulas de colaboración que permitan contar co asesoramento técnico da organización deportiva para definir solucións que reduzan os custos e faciliten as actuacións.

“Queremos buscar, coa experiencia e o coñecemento técnico de LALIGA, fórmulas que permitan facer estas actuacións nas mellores condicións posibles para os municipios”, sinalou Formoso.

A Deputación xa financia este tipo de intervencións mediante recursos propios, tanto a través do Plan Único (POS+) como mediante convenios cos concellos.

Unha escola para profesionalizar os clubs

A segunda gran liña de traballo pasa pola creación, coa colaboración de LALIGA, dunha escola de xestión económica e profesionalización destinada aos clubs de fútbol base da provincia.

A iniciativa dá continuidade aos cursos de formación organizados este ano pola Deputación a partir das necesidades trasladadas polas propias entidades deportivas. Nunha enquisa realizada pola institución participaron máis de 240 deportistas e representantes de clubs de 60 concellos e 40 modalidades deportivas.

Entre as principais demandas detectadas figuraron a formación en xestión económica, comunicación, captación de patrocinios e dixitalización.

O obxectivo agora é ampliar esa formación para abordar tamén cuestións como a planificación orzamentaria, a procura de novas fontes de financiamento, as obrigas administrativas e fiscais, o márketing ou a organización interna dos clubs.

4,3 millóns para o deporte provincial

A Deputación da Coruña destina este ano 4,3 millóns de euros en axudas directas ao tecido deportivo provincial. A intención da institución é complementar este apoio económico con ferramentas que permitan ás entidades mellorar a súa capacidade de xestión.

“LALIGA é unha referencia na xestión económica no fútbol e pensamos que a súa experiencia pode ser moi útil para unhas entidades que teñen que afrontar retos cada vez máis complexos”, apuntou Formoso.

Promoción da provincia a través do fútbol

O encontro tamén permitiu abordar outras posibles vías de colaboración relacionadas coa promoción da provincia da Coruña a través da proxección nacional e internacional do fútbol profesional.

Entre as posibilidades estudadas están iniciativas de apoio ao fútbol base, accións formativas, actividades vinculadas aos valores do deporte e a organización de eventos que poidan atraer visitantes e xerar actividade económica nos concellos.

Deputación e LALIGA acordaron manter aberto o diálogo para analizar a viabilidade destas propostas e concretar, posteriormente, posibles proxectos de colaboración.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.