A nova sede de ASPANAES na Coruña amplía a atención a máis de 300 persoas con autismo e ás súas familias

A Deputación financiou o 80% da adquisición do local, de 510 metros cadrados, que incorpora un equipo multidisciplinar e permitirá ampliar os servizos de atención temperá e apoio psicoeducativo
Imaxe do acto de inauguración | Deputación da Coruña
Imaxe do acto de inauguración | Deputación da Coruña

ASPANAES conta xa cunha nova sede na Coruña, un espazo de 510 metros cadrados adaptado ás necesidades das persoas con trastorno do espectro do autismo (TEA) e das súas familias. O centro, situado na contorna de Espacio Coruña, comezou a súa actividade cun equipo profesional multidisciplinar e permitirá ampliar a atención que a entidade presta nas comarcas da Coruña, Betanzos e Bergantiños.

A adquisición do local contou cun investimento total de 326.700 euros, dos que a Deputación da Coruña achegou 261.360 euros, o 80% do custo. O novo espazo foi inaugurado este xoves polo presidente provincial, Valentín González Formoso, xunto con representantes de ASPANAES e do Concello da Coruña.

Máis capacidade para atender ás familias

O novo centro permitirá ampliar os servizos da entidade e atender a máis de 300 persoas con autismo e ás súas familias. Segundo explicou o presidente de ASPANAES, Ignacio Labella, a ampliación das instalacións xa posibilitou incorporar 20 novas persoas aos servizos da organización, ata alcanzar as 308 persoas atendidas.

A ampliación responde tamén á elevada demanda existente. O anterior local limitaba a capacidade da entidade para incorporar novos usuarios, especialmente nos programas de atención temperá e estratexias psicoeducativas.

O novo espazo contará cun equipo formado por profesionais de psicoloxía, psicopedagoxía, logopedia, terapia ocupacional e educación social.

Entre os servizos que se desenvolverán nas instalacións están a atención temperá para nenos e nenas de 0 a 6 anos, o deseño de estratexias psicoeducativas para menores de 7 a 16 anos e diferentes programas destinados ao desenvolvemento de habilidades persoais e sociais.

Unha entidade con máis de 45 anos de traxectoria

ASPANAES leva desde 1979 traballando na atención ás persoas con autismo e no acompañamento das súas familias. Formoso destacou a experiencia acumulada pola entidade e reivindicou o papel das administracións á hora de apoiar o traballo desenvolvido polo tecido social.

“Son máis de 45 anos abrindo camiño e defendendo os dereitos das persoas con autismo”, sinalou o presidente provincial, que puxo en valor a colaboración mantida nos últimos anos coa asociación.

A Deputación financiou anteriormente programas e terapias destinadas ao fomento da autonomía persoal, ademais de contribuír á mellora e equipamento das instalacións da entidade en diferentes puntos da provincia.

Apoio ao tecido social

ASPANAES forma parte das 273 entidades sociais apoiadas economicamente pola Deputación da Coruña, mediante programas, servizos e investimentos destinados a mellorar a calidade de vida e a autonomía das persoas.

Durante a inauguración, Formoso felicitou á directiva, aos profesionais e ás familias vinculadas á asociación polo traballo desenvolvido durante décadas para ampliar os recursos destinados ás persoas con autismo.

Pola súa banda, desde ASPANAES destacaron que a nova sede permitirá aumentar as prazas de atención e ofrecer máis oportunidades ás persoas con TEA, especialmente durante as primeiras etapas da súa vida e no desenvolvemento das súas capacidades persoais e sociais.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.