A Coruña convertirá este 2026 no gran ano de Begoña Caamaño

A Deputación da Coruña impulsará unha ampla programación anual para sumarse á homenaxe da Real Academia Galega a Begoña Caamaño polo Día das Letras Galegas
A deputada de Lingua, Sol Agra, durante a presentación da programación das Letras Galegas 2026 | Deputación da Coruña
A deputada de Lingua, Sol Agra, durante a presentación da programación das Letras Galegas 2026 | Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña impulsará durante todo o 2026 unha programación cultural e divulgativa arredor da figura de Begoña Caamaño co obxectivo de estender por toda a provincia o coñecemento da súa obra e do seu pensamento. A iniciativa, promovida pola Área de Lingua, busca sumarse á homenaxe que a Real Academia Galega dedica este ano á escritora e xornalista no marco do Día das Letras Galegas.

Begoña Caamaño, a gran protagonista do ano

A deputada de Lingua, Sol Agra, presentou as distintas actividades previstas e destacou a intención de que a celebración transcenda o propio 17 de maio, xa que a vontade da institución provincial é que a autora “sexa lida, cantada e celebrada durante todo o ano”, especialmente entre as novas xeracións.

O programa inclúe propostas culturais e educativas dirixidas a públicos diversos. Entre elas figura a distribución de libros sobre Begoña Caamaño en centros educativos e bibliotecas municipais, así como exemplares da súa novela Circe e o pracer do azul en institutos con Bacharelato. Ademais, organizaranse contacontos musicados, obradoiros literarios e actividades de escrita creativa na Biblioteca Provincial, en colaboración con entidades como a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

A Praza da Quintana acollerá o Día das Letras Galegas

O acto principal terá lugar o 17 de maio na Praza da Quintana, en Santiago de Compostela. Baixo o título De Circes e Morganas, o espectáculo combinará poesía, música e creación audiovisual nun formato colectivo e participativo no que tomarán parte distintas artistas.

A música ocupará tamén un lugar relevante dentro da programación, promovendo a difusión do libro-disco Indómitas. Nove ondas a Begoña Caamaño, da cantante Uxía, e organizará varias actuacións da artista xunto á arpista bretoa Bleuenn Le Friec en diferentes concellos coruñeses.

A campaña contará ademais cunha identidade visual propia creada pola ilustradora Andreea Birsanu, coñecida artisticamente como Silvatiica. A imaxe inspírase no universo simbólico da autora e incorpora referencias ao feminismo, á sororidade e ao activismo social que marcaron a súa traxectoria persoal e literaria.

Desde a Área de Lingua subliñan que a programación pretende reivindicar non só a dimensión literaria de Begoña Caamaño, senón tamén o seu papel como voz crítica e comprometida coa transformación social e cultural de Galicia.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.