As Pontes converterase esta fin de semana nun dos grandes puntos de encontro para os amantes do automobilismo coa celebración da segunda edición da Festa do Motor da Deputación da Coruña. A programación, que se desenvolverá durante o sábado 15 e o domingo 16 de agosto, busca ir máis aló da competición e ofrecer unha experiencia para todos os públicos.
O Rallyshow Deputación da Coruña, previsto para o domingo, será o gran protagonista da fin de semana, aínda que a actividade comezará xa o sábado pola mañá. O evento reunirá ademais catro figuras históricas dos rallys: Stig Blomqvist, Miki Biasion, Petter Solberg e o galego Luis Moya, todos eles campións do mundo. Todas as actividades serán de acceso gratuíto.
Un sábado para achegarse ás lendas do motor
A programación arrancará o sábado ás 10.00 horas coa recepción oficial dos pilotos no circuíto das Pontes. Media hora despois, os campións do mundo e os demais pilotos profesionais realizarán voltas de exhibición e recoñecemento do trazado cos seus vehículos de competición.
Ás 12.00 horas terá lugar a presentación oficial do Rallyshow e, pola tarde, os asistentes poderán seguir distintas actividades relacionadas coa competición. Ás 13.00 horas desenvolverase a experiencia TRS de pilotaxe deportiva, na que persoas afeccionadas poderán completar voltas nun Renault Clio RSR Rally2 acompañadas por un instrutor profesional. Xa ás 16.30 horas comezarán os adestramentos libres dos pilotos participantes no Rallyshow.
Un dos principais atractivos será a Fan Zone, un espazo pensado para facilitar o encontro entre o público e as grandes figuras convidadas. Os afeccionados poderán achegarse aos pilotos para conseguir autógrafos e fotografías, ademais de visitar un photocall oficial, unha exposición de vehículos e diferentes propostas promocionais.
O recinto contará tamén cun globo aerostático, condicionado á meteoroloxía, que permitirá contemplar As Pontes desde o aire.
O Rallyshow, protagonista do domingo
O domingo chegará a gran cita da fin de semana coa celebración da segunda edición do Rallyshow Deputación da Coruña. As instalacións abrirán ás 9.00 horas e a competición combinarase con exhibicións de Carcross, Drift e outras disciplinas do motor.
A mañá estará dedicada aos adestramentos libres e á manga clasificatoria, mentres que pola tarde chegará a fase decisiva: oitavos e cuartos de final, semifinais e as finais polo terceiro posto e polo título. A gran final está prevista para as 17.45 horas, seguida da entrega de trofeos ás 18.00 e dunha última manga de exhibición ás 18.30 horas cos pilotos convidados.
Motor, gastronomía e propostas para toda a familia
A Festa do Motor completará a programación deportiva con una exposición de vehículos históricos, clásicos, deportivos e de competición, ademais de dous simuladores profesionais de rally.
As familias tamén terán o seu espazo no evento. Os máis pequenos poderán participar nun circuíto de educación viaria con karts a pedais e actividades relacionadas coa seguridade viaria e a mobilidade responsable.
A zona de restauración, con propostas como churrasco, polbo e bocadillos, permanecerá aberta durante os dous días para que o público poida permanecer no recinto e gozar da programación sen necesidade de desprazarse.
Sés poñerá o punto final
A música será a encargada de pechar a fin de semana. Sés ofrecerá ás 19.00 horas do domingo o concerto de clausura, poñendo o punto final a dous días nos que As Pontes combinará competición, exhibicións, gastronomía e actividades para todos os públicos.
A organización destaca así o carácter aberto da Festa do Motor, que pretende converter o evento nunha experiencia que vaia máis aló da pista e permita ao público coñecer de preto algunhas das grandes lendas da historia dos rallys.