Espazos Sonoros leva a música histórica a seis enclaves patrimoniais da provincia e dá o salto a Viena

O ciclo da Deputación da Coruña celebrará seis concertos entre o 5 de setembro e o 3 de outubro, acompañados de visitas para coñecer o patrimonio de cada contorna, antes de pechar a edición cunha nova cita internacional en Viena
Imaxe do acto de presentación | Deputación da Coruña
Imaxe do acto de presentación | Deputación da Coruña

Música e patrimonio volverán darse a man este outono na provincia da Coruña coa nova edición de Espazos Sonoros, o ciclo impulsado pola Deputación que aposta por levar a música histórica a lugares de especial valor cultural. A programación desenvolverase entre o 5 de setembro e o 8 de outubro, con seis concertos en diferentes puntos da provincia e unha última actuación en Viena.

A proposta mantén así unha das principais características do festival: descubrir o patrimonio a través da música e, ao mesmo tempo, achegarse á historia dos lugares que acollen cada concerto. Para iso, cada actuación estará acompañada de actividades e percorridos guiados.

Seis concertos en enclaves patrimoniais

A programación comezará o 5 de setembro na igrexa de San Tomé de Monteagudo, en Arteixo, coa actuación de Le Miroir de Musique.

O ciclo continuará o 12 de setembro no Teatro-Cine Alfonsetti de Betanzos, con Das Kolorit, e o 19 de setembro no santuario da Nosa Señora da Laxe de Vilasantar, onde actuará Reïna Lupa.

Xa o 26 de setembro, a igrexa de Santiago da Pobra do Deán, na Pobra do Caramiñal, acollerá a actuación de Sara Ruiz. Ao día seguinte, o 27 de setembro, será a quenda do Forno do Forte de Malpica de Bergantiños, que recibirá o Dúo Abeiro.

A programación galega rematará o 3 de outubro na igrexa de San Nicolao de Cis, en Oza-Cesuras, cun concerto do Grupo 1500.

Música para descubrir o patrimonio

Un ano máis, Espazos Sonoros non se limitará aos concertos. Cada cita estará vinculada a unha actividade do programa ‘Coñece o teu patrimonio’, que permitirá ao público afondar na historia e nos valores culturais dos espazos visitados.

O programa inclúe unha visita á igrexa de San Tomé de Monteagudo, un percorrido polo Betanzos monumental, un paseo polos muíños do río das Gándaras en Vilasantar ou a ruta ‘A Pobra de Valle-Inclán: un paseo entre historia e literatura’.

En Malpica, a proposta centrarase na tradición oleira do Forno do Forte, mentres que en Oza-Cesuras haberá un percorrido narrado por Quico Cadaval arredor da igrexa de Santa María de Cuíña.

Espazos Sonoros volve mirar cara a Europa

A edición deste ano terá ademais unha prolongación internacional. O 8 de outubro, Viena acollerá a terceira edición do Serán Galego en Viena (Galicische Nacht in Wien), froito da colaboración entre Espazos Sonoros e a sala Sargfabrik.

Cartel de Espazos Sonoros 2026 | Espazossonoros.org

A iniciativa permitirá dar visibilidade á creación musical galega fóra de Galicia e consolidar unha colaboración que chega xa ao seu terceiro ano, reforzando a dimensión europea do ciclo.

O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, reivindicou o carácter diferencial de Espazos Sonoros, que, segundo destacou, aposta pola calidade artística, a creación de públicos e a posta en valor do patrimonio fronte ao modelo dos grandes eventos masivos.

A nova edición combinará así programación musical, divulgación cultural e patrimonio durante máis dun mes, cunha proposta que percorrerá distintos puntos da provincia antes de cruzar fronteiras para pechar o ciclo en Viena.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.