O dolmen de Cabaleiros abre as súas portas para achegar á veciñanza a investigación arqueolóxica en marcha

A Deputación da Coruña organiza catro visitas guiadas en Tordoia os días 25 e 26 de setembro e 2 e 3 de outubro, comentadas polo arqueólogo Ángel Concheiro Coello
O deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Penas, visitou esta semana o dolmen de Cabaleiros, en Tordoia, acompañado de persoal técnico da institución provincial e do alcalde do municipio | Deputación da Coruña
O deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Penas, visitou esta semana o dolmen de Cabaleiros, en Tordoia, acompañado de persoal técnico da institución provincial e do alcalde do municipio | Deputación da Coruña

O dolmen de Cabaleiros, en Tordoia, será escenario de catro visitas guiadas destinadas a achegar á cidadanía tanto o propio monumento como os traballos de investigación arqueolóxica que se están desenvolvendo actualmente no seu contorno. A iniciativa está promovida pola Deputación da Coruña, propietaria do ben, e permitirá coñecer de primeira man os avances dun proxecto de investigación desenvolvido pola Universidade e financiado con fondos europeos.

As visitas estarán comentadas polo arqueólogo Ángel Concheiro Coello, integrante do equipo que participa nos traballos, e combinarán a explicación sobre a historia e as características do dolmen coa información sobre as actuacións arqueolóxicas que se están levando a cabo.

Catro visitas entre setembro e outubro

A programación inclúe catro quendas, todas elas con inscrición previa:

  • Venres 25 de setembro, ás 19:00 horas
  • Sábado 26 de setembro, ás 11:00 horas
  • Venres 2 de outubro, ás 19:00 horas
  • Sábado 3 de outubro, ás 11:00 horas

Durante os percorridos, Concheiro Coello explicará sobre o propio terreo diferentes aspectos relacionados co monumento e coa investigación en curso, así como os coñecementos que estes traballos poden achegar para comprender mellor a historia do dolmen e da súa contorna.

As persoas interesadas en participar deberán formalizar a inscrición no Concello de Tordoia, ben a través do teléfono 981 69 00 01 ou do correo electrónico [email protected].

Investigación para coñecer mellor o monumento

O deputado provincial de Patrimonio e Contratación, Xosé Penas, visitou esta semana o dolmen acompañado por persoal técnico da Deputación e polo alcalde de Tordoia. Durante a visita destacou o traballo que a institución provincial está a desenvolver arredor do monumento, tanto no ámbito da recuperación, conservación e mantemento como no da súa divulgación.

Penas salientou tamén a importancia de que a cidadanía poida coñecer non só o propio patrimonio, senón os resultados e procesos da investigación científica que se está desenvolvendo actualmente.

O proxecto arqueolóxico en marcha permitirá avanzar no coñecemento do dolmen e da súa contorna e está previsto que nos próximos meses achegue novos datos sobre o monumento.

Novas actuacións previstas

A Deputación da Coruña ten previsto encargar nos vindeiros meses un novo proxecto destinado a continuar avanzando no coñecemento arqueolóxico do dolmen e, ao mesmo tempo, introducir melloras na súa contorna.

A intención é dar continuidade ao traballo que se está desenvolvendo actualmente, combinando a investigación coas actuacións de conservación e coa divulgación do patrimonio.

O dolmen de Cabaleiros constitúe así un dos bens megalíticos nos que a Deputación está a concentrar esforzos para ampliar o coñecemento sobre o patrimonio arqueolóxico e facilitar o seu acceso á sociedade.

A Casa da Moura de Tordoia

Situado na parroquia de Cabaleiros, o dolmen é un dos monumentos megalíticos máis destacados da comarca de Ordes e da provincia da Coruña. É propiedade da Deputación Provincial e foi declarado Monumento Histórico-Artístico en 1975.

O monumento é coñecido popularmente como Casa da Moura e está estreitamente ligado á tradición oral da zona. Entre as lendas asociadas ao dolmen figura a dunha moura que, segundo a tradición, levou a laxa de cuberta sobre a cabeza mentres tecía coas mans.

Na actualidade conserva seis das laxas dunha cámara poligonal, que permiten apreciar a relevancia do conxunto dentro do patrimonio megalítico da provincia.

As catro visitas guiadas permitirán, polo tanto, achegarse a este elemento patrimonial desde unha dobre perspectiva: a do propio monumento e a dos novos coñecementos que está a xerar a investigación arqueolóxica actualmente en marcha.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.