A Coruña acollerá esta fin de semana, os días 18 e 19 de abril, a segunda edición da feira PATA PATA, o encontro galego adicado aos animais de compañía e ao turismo pet friendly. O evento celebrarase en EXPOCoruña e reunirá máis de 80 expositores de Galicia e Portugal.
Os visitantes poderán desfrutar de exhibicións, charlas, concursos e actividades familiares, entre as que destacan a exposición felina internacional con máis de 150 gatos e o certame de beleza canina, con máis de 100 cans e xurado internacional. Haberá espazos temáticos como a Zona Calma para o descanso dos animais, a Zona Gastro con foodtrucks e o Espazo Adopcións con protectoras para promover a adopción responsable.
Entre as actividades que máis atención están a espertar destaca o concurso “Can Talent: Por que o teu can é o mellor?”, unha actividade aberta a todos os públicos na que cada participante poderá demostrar as habilidades da súa mascota.
A importancia dos cans para os corpos de seguridade
A exhibición contará coa participación do Corpo Cinolóxico da Garda Civil, que mostrará en directo o traballo dos cans policía en tarefas de salvamento, detección e apoio operativo. Estes animais son parte esencial dos equipos de emerxencias e demostran cada día a súa intelixencia, disciplina e capacidade para protexer ás persoas.
O público poderá ver simulacros reais de rescate e intervención, coñecer como se adestran estes cans e descubrir o papel fundamental que desempeñan na seguridade cidadá. A Garda Civil estará presente durante todo o evento, compartindo experiencias e permitindo que os asistentes se acheguen aos animais.
Ao final da xornada, poderanse ver os vídeos e momentos destacados das exhibicións nas redes sociais oficiais de PATA PATA e da Policía, onde se recollerán as mellores imaxes e actuacións dos protagonistas caninos.


