A Semana Santa de Viveiro, protagonista nas Festas de Interese Turístico Internacional de Galicia

No acto, en Fitur, a alcaldesa destacou a singularidade da Semana Santa viveirense, a súa antigüidade e a devoción que a rodea

A Semana Santa de Viveiro foi protagonista esta mañá en FITUR na presentación, por parte de Turgalicia, das Festas de Interese Turístico Internacional de Galicia.

No acto, a alcaldesa María Loureiro destacou a singularidade da Semana Santa viveirense, a súa antigüidade, a devoción que rodea cada unha das procesións, e sobre todo agradeceu a implicación de todos aqueles que traballan para mantela como referente do concello. “A nosa Semana Santa ten oito séculos de antigüidade e non se concibe Viveiro sen ela. É unha celebración meramente relixiosa pero que sabe combinar tamén o turismo, a cultura e a tradición”, subliñou a rexedora.

A Semana Santa de Viveiro é a máis lonxeva de Galicia, chama a atención pola riqueza patrimonial da súa imaxinería e o seu éxito está baseado no compromiso e na participación da veciñanza. “É algo que sempre dicimos e nos gusta destacar, o éxito da Semana Santa de Viveiro débese á implicación de todos os veciños e as veciñas, pois independentemente da súas crenzas relixiosas, non hai ningunha familia na vila que non teña algún membro que participe nela dalgunha forma”, afirmou María Loureiro.

“Tamén e vital o traballo da Xunta de Cofrarías que cada ano saben manter a tradición e tamén adaptarse aos novos tempos”, engadiu a alcaldesa no acto en FITUR.

Salir de la versión móvil