Avanzan a bo ritmo as obras en Pallaregas e Brieiro en Viveiro

No caso de Pallaregas, as obras consisten na reposición do firme do vial denominado pista Ponte Feve-Casería e parte do ramal do vial da pista en Vilar de Abaixo-O Rego

O Concello de Viveiro está a executar importantes obras no municipio dentro do plan municipal de mellora continua dos servizos e infraestruturas públicas. As dúas actuacións que se levan a cabo neste momento, que axudarán a mellorar os servizos da veciñanza, están incluídas dentro do Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos 2022 da Deputación de Lugo.

No caso de Pallaregas, as obras consisten na reposición do firme do vial denominado pista Ponte Feve-Casería, así como de parte do ramal do vial da pista en Vilar de Abaixo-O Rego, que da acceso ás vivendas de Porta Leira, na parroquia de Covas. O orzamento deste proxecto é de 129.882,11 euros. Tamén se executa a substitución da rede de abastecemento de auga na parte do vial principal, debido ao seu deterioro, e dótase de formigón nas zonas onde existen máis edificacións para garantir unha correcta circulación das augas pluviais. Ademais estase a renovar a sinalización vial, tanto horizontal como vertical.

Pola súa banda, estanse a executar tamén as obras de reposición do firme e a ampliación da rede de saneamento no lugar de Brieiro, na parroquia de Faro. Estas actuacións, centradas no Camiño do Fultreiro, no Camiño da Fatiga e no Camiño da Cruz, tamén dotarán á zona dunha nova sinalización vial. O orzamento de execución por contrato, segundo proxecto, ascende a 51.554,83 euros.

“Todas estas actuacións teñen como obxectivo mellorar as condicións de vida dos nosos veciños e veciñas, garantir a funcionalidade e humanizar o entorno, así como reforzar a seguridade viaria”, subliña a alcaldesa María Loureiro.

Salir de la versión móvil