O Concello de Viveiro segue esperando polo informe da Axencia Galega de Infraestructuras para a aprobación do PXOM

O Concello pide á oposición "que están a dicir continuamente que o PXOM está paralizado por culpa do equipo de goberno, que o demostren e deixen de tapar á Xunta de Galicia"

Imaxe do Concello de Viveiro

O Goberno local aclara que por parte do Concello de Viveiro, dende a aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal -PXOM-, se vén realizando todo o posible para lograr a súa aprobación definitiva, axilizando a súa tramitación, dándolle prioridade e levando a cabo todas as xestións necesarias para poder dispoñer, canto antes, deste documento imprescindible para o crecemento de Viveiro.

O Pleno do Concello de Viveiro acordou a aprobación inicial do PXOM en data 14 de abril de 2011. Tras esa aprobación inicial, segundo o legalmente establecido e en virtude do acordo referido, iniciáronse unha serie de pasos para continuar coa tramitación do PXOM, nos que se inclúe, entre outros, o trámite de información pública ou a solicitude, ás diferentes administracións, dos informes sectoriais preceptivos.

Para poder avanzar na tramitación do PXOM é necesario contar cos informes favorables das distintas administracións. Por parte do Concello de Viveiro sempre se lle deu máxima prioridade a esta tramitación e sempre se contestaron os requirimentos recibidos coa maior celeridade posible, axilizando os trámites e facilitando a entrega da documentación solicitada, conscientes de que o PXOM é unha ferramenta indispensable e primordial para o desenvolvemento do concello en diferentes eidos, como o urbanístico ou o industrial.

A pesar de todos os esforzos levados a cabo, a tramitación do PXOM de Viveiro sufriu a demora da Xunta de Galicia, dende distintas consellerías, na emisión dalgúns destes informes favorables, como é o caso das sectoriais de Patrimonio, Augas de Galicia e Axencia Galega de Infraestruturas, que aínda se atopa pendente. Cabe sinalar, neste sentido, que o Concello de Viveiro iniciou os trámites coas distintas administracións logo da aprobación inicial e que os informes favorables de Patrimonio e de Augas de Galicia non se obtiveron ata xullo de 2017 e decembro de 2022, respectivamente.

O Concello fixo neste sentido todo o posible, primeiro denunciando publicamente estes bloqueos, enviando escritos, insistindo, solicitando reunións e acudindo xunto con técnicos e voceiros á Xunta de Galicia. “Probamos, incluso, a traballar doutra forma diferente, negociando nos despachos e sen saír publicamente, sen denuncias nin reproches nos medios de comunicación, buscando sempre o mellor para os veciños e veciñas de Viveiro”, defenden. Entre as xestións cabe lembrar a cantidade reunións que o Concello mantivo cos voceiros dos grupos municipais, acudindo, tamén,a Santiago de Compostela, para coñecer en que punto se atopaban as tramitacións e instar á Xunta de Galicia para axilizar os informes sectoriais necesarios.

É importante lembrar que nunha desas reunións, o anterior Subdirector Xeral de Patrimonio Cultural chegou a pedir desculpas ao Concello pola demora na tramitación, recoñecendo que o PXOM de Viveiro se atopaba bloqueado nesa administración. Tamén cabe recordar que esta Alcaldía aproveitou un acto de entrega de Bandeiras Azuis, que tivo lugar en Ribeira, no ano 2015, para dirixirse ao anterior presidente da Xunta de Galicia, explicarlle cal era a situación na que se atopaba o PXOM de Viveiro con respecto á autorización sectorial de Patrimonio e pedirlle que intercedera ante a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para que se concedese a reunión solicitada meses antes.

Dende o Goberno local queren deixar claro que “por moito que se repita unha mentira, non se convirte en verdade. O voceiro do grupo municipal do PP e a candidata á alcaldía por ese partido, que están a dicir continuamente que o PXOM está paralizado por culpa do equipo de goberno, pídese que o demostren e deixen de tapar á Xunta de Galicia, pois a única traba que tivo foi coa administración autonómica”, denuncian.

“Ao voceiro de Por Viveiro, que debe ter amnesia electoral, pois sabe todos os impedimentos que houbo por parte da Xunta de Galicia, que culpa ao Concello de Viveiro de atascar o PXOM, dicirlle que iso é totalmente incerto. Evidentemente, hai probas que demostran todo isto e a documentación está aí para poder vela, como xa se lle ofreceu ao voceiro do PP, durante a celebración dun pleno”, defenden.

Dende o Concello teñen a seguridade de que o PXOM se vai aprobar pouco despois das eleccións, porque “non interesa que esta alcaldía e este equipo de goberno levan os méritos”.

Salir de la versión móvil