A Romaría de Santa Minia de Brión xa é Festa de Interese Turístico de Galicia

Un recoñecemento que pon en valor unha das romarías máis concorridas da comarca e que o Concello viña reclamando desde hai anos
Romaría de Santa Minia | Concello de Brión
Romaría de Santa Minia | Concello de Brión

O Concello de Brión celebrou este luns a decisión do Consello da Xunta de declarar a Romaría de Santa Minia como Festa de Interese Turístico de Galicia, un recoñecemento que o goberno local cualifica de “xusto e necesario” para unha das celebracións máis multitudinarias e arraigadas da comarca.

O alcalde, Pablo Lago, destacou que se trata dun obxectivo no que o executivo municipal levaba traballando desde hai tempo, tanto na elaboración da documentación técnica como na recopilación de apoios veciñais. Neste sentido, puxo en valor a implicación da cidadanía, que en poucos días reuniu máis de 1.200 sinaturas en apoio á candidatura.

“Esta declaración supón un paso importante na promoción da Romaría de Santa Minia e contribuirá a reforzar a súa proxección nos vindeiros anos, pero sobre todo é un acto de xustiza cunha celebración que forma parte da identidade de Brión”, sinalou o rexedor.

Unha festa con gran impacto e miles de visitantes

A Romaría de Santa Minia celébrase cada 27 de setembro e reúne habitualmente entre 30.000 e 50.000 persoas, combinando os actos relixiosos tradicionais con programación musical, actividades culturais e propostas gastronómicas.

Segundo destaca a Xunta de Galicia, trátase dunha celebración que foi medrando co paso do tempo ata converterse nun dos grandes puntos de encontro da comarca do Sar, cun forte compoñente social e festivo que se mantén desde o século XIX.

Un expediente reforzado con apoio veciñal e informes técnicos

Durante o proceso de tramitación, iniciado en 2024, a Xunta considerara inicialmente que non quedaban suficientemente acreditados aspectos como o arraigo ou a singularidade da festa. O Concello completou entón a memoria presentada con documentación adicional, informes históricos e material gráfico e audiovisual.

Entre esa documentación inclúese un estudo do historiador Clodio González, integrante da Real Academia Galega, así como un informe do párroco de Brión, que destaca a orixe popular da devoción, nacida “no sentir común dun grupo de fieis laicos brioneses” no século XIX.

A estes documentos sumáronse tamén as máis de 1.200 sinaturas recollidas entre a veciñanza en apoio á candidatura, que o goberno local considera clave para reforzar a dimensión social e participativa da romaría.

Desde o Concello confían en que esta nova distinción contribúa a incrementar a proxección turística da celebración e a consolidar Brión como un referente dentro das festas tradicionais galegas. O goberno municipal agradeceu tamén o traballo do persoal técnico implicado na elaboración do expediente e o apoio institucional recibido durante o proceso de avaliación.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.