Esperanza Mara e Javier Otero inauguran o novo curso do ESMUMA cun concerto en Brión

O recital será o 14 de setembro no Centro Social Polivalente, con entrada gratuíta ata completar o aforo
Esperanza Mara e Javier Calvo, encargados de inaugurar o curso 26/27 do ESMUMA | Redes sociais
Esperanza Mara e Javier Calvo, encargados de inaugurar o curso 26/27 do ESMUMA | Redes sociais

O ESMUMA Centro de Música, Creatividade e Divulgación dará comezo ao curso 2026/2027 cun concerto inaugural protagonizado por dous intérpretes de recoñecida traxectoria no ámbito musical galego. A soprano Esperanza Mara e o pianista Javier Otero serán os encargados de abrir a nova programación do centro cun recital de repertorio lírico.

A cita será o luns 14 de setembro, ás 19:00 horas, no Salón de Actos do Centro Social Polivalente de Brión. A proposta terá entrada libre e gratuíta, cunha capacidade limitada ao aforo da sala e sen necesidade de realizar reserva previa.

Unha soprano vinculada á música antiga e á creación

Esperanza Mara é unha artista multidisciplinar con formación superior en canto e violonchelo barroco, ademais dun mestrado en Interpretación de Música Antiga na especialidade de canto. Actualmente continúa a súa formación no ámbito da investigación musical.

A súa actividade abrangue tanto a interpretación como a creación e divulgación. En 2018 creou EmanArte, iniciativa centrada na promoción, difusión e fusión da música clásica, desde a que desenvolveu proxectos como TecendoSoños, dedicado á recuperación de cantos de berce da tradición oral, ou Operabreak´s, que explora a relación entre a ópera e a cultura urbana.

Javier Otero, entre a tradición e os novos formatos

Pola súa banda, Javier Otero é un pianista galego de formación clásica que desenvolveu unha carreira ligada tanto ao repertorio tradicional como á experimentación e aos novos formatos de concerto.

Desde 2018 é artista Yamaha e colaborou con formacións como a Real Filharmonía de Galicia, ademais de desenvolver diferentes iniciativas relacionadas coa difusión da música galega. Entre os seus traballos discográficos figuran Impromptus, Galician Folk Songs e Vibrations, mentres que o seu último disco, Reconstruction, combina piano e electrónica a partir de composicións propias.

Otero tamén está vinculado a iniciativas destinadas a achegar a música a novos públicos e favorecer a accesibilidade cultural, entre elas o Festival Piano Meeting, que leva os pianos aos espazos públicos, e os concertos Silent Wifi Music Experience.

Entrada gratuíta e sen reserva

O concerto comezará ás 19:00 horas, aínda que as portas do Salón de Actos abrirán ás 18:45 horas para facilitar a entrada do público.

A asistencia será gratuíta, pero as prazas cubriranse por rigorosa orde de chegada ata completar o aforo, polo que non será posible reservar previamente.

O recital servirá así como presentación pública do novo curso do ESMUMA, que afronta a tempada 2026/2027 coa intención de continuar achegando a música e a creación artística á cidadanía de Brión e ofrecer espazos de participación arredor da cultura musical.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.