A Romaría de Santa Minia de Brión afronta este ano unha edición especial. A festa, que se celebrará do venres 25 ao domingo 27 de setembro, será a primeira despois da súa declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia, unha condición que se incorpora a unha celebración que mantén os seus principais sinais de identidade: música, verbenas, actividades culturais, postos de venda, polbeiras, actos relixiosos e os tradicionais fogos de artificio.
A programación presentada polo Concello de Brión aposta novamente por unha ampla presenza musical, con Luar na Lubre como principal actuación do domingo, ademais das orquestras Finisterre, Olympus, Suavecito e Miramar e do grupo La Banda de Ayer, especializado en música pop e rock das décadas dos 80, 90 e 2000.
Luar na Lubre celebrará os seus 40 anos en Santa Minia
Un dos principais reclamos da programación será o espectáculo «Lubre 40 aniversario», co que Luar na Lubre está a celebrar as súas catro décadas de traxectoria. O concerto será o domingo 27 de setembro, de 20:00 a 22:00 horas, no espazo habilitado para as actuacións musicais.
O grupo, fundado na Coruña en 1986, chega a Brión tras publicar 20 discos, vender máis de 350.000 exemplares e ofrecer máis de 2.500 concertos en máis de 60 países. Ao longo da súa carreira recibiu dous Discos de Ouro, nove Premios da Música e a Medalla Castelao 2025, en recoñecemento á súa traxectoria vinculada á promoción da cultura galega.
A actuación tomará o relevo da presenza de Xosé Manuel Budiño na edición do pasado ano.
Tres días de música, verbenas e tradición
A programación arrincará o venres 25 de setembro coa primeira das tres sesións do X Festival Monecadas, que este ano se traslada ao Centro Social Polivalente. As actuacións serán ás 17:30 horas, con entrada libre e gratuíta.
A primeira xornada contará con Trécola Teatro de Marionetas e As aventuras de Pituquiño. O sábado será a quenda da compañía portuguesa Heliodora, con Barbacena, mentres que o domingo Fantoches Baj representará Novos lobos.
Xa na praza do Concello, o venres actuará ás 18:30 horas a Escola de Baile e Música Tradicional de Brión, seguida ás 19:30 horas pola artista local Ruth Cundíns. A noite pecharase cunha verbena desde as 21:00 horas coas orquestras Finisterre Proyect e Olympus.
O sábado, día das Vésperas, a actividade comezará ás 10:00 horas co pasarrúas da Charanga Os Celtas. Ao mediodía actuará o Grupo de Gaitas Devagarinho e ás 14:00 horas comezará a sesión vermú coa Orquestra Suavecito.
Pola noite, despois de Monecadas, haberá un novo pasarrúas, desta vez con @s Garuleir@s, e desde as 22:00 horas chegará a verbena con Suavecito e La Banda de Ayer.
Luz e son en lugar da tradicional queima
Un dos momentos máis singulares da noite do sábado será novamente o espectáculo de luz e son mediante vídeo mapping, que substituirá a tradicional queima da fachada. A proposta recreará virtualmente a queima e incorporará diferentes historias para o público antes da tradicional tirada de fogos de artificio, prevista para a medianoite.
O domingo 27, Día de Santa Minia, comezará co pasarrúas e concerto do grupo de gaitas O Pichel, seguido da Charanga Os Celtas e da sesión vermú coa Orquestra Miramar.
Pola tarde será a quenda da agrupación tradicional Tíralle do aire e da Banda de Música Municipal de Brión, que actuará ás 18:00 horas na praza do Concello. Tras o concerto de Luar na Lubre, a Orquestra Miramar será a encargada de pechar a edición de 2026.
Un novo cartel despois de 15 anos de Xosé Vizoso
Outra das novidades da Santa Minia deste ano está no propio cartel da romaría. O encargado de ilustralo é o artista José Luís Veiras Manteiga, que toma o relevo do seu amigo Xosé Vizoso, responsable dos carteis da celebración desde 2010 ata o pasado ano.

Veiras Manteiga, nacido en Compostela en 1949, explicou durante a presentación que recibiu o encargo con satisfacción e agradeceu ao Concello a confianza depositada nel. Para a composición escolleu unha linguaxe similar á empregada nalgúns dos seus carteis relacionados co jazz, cun primeiro plano protagonizado por músicos, gaiteiros e persoas bailando e, ao fondo, un elemento arquitectónico identificativo de Brión: a capela de Santa Minia.
O Concello recuperara na edición de 2025 unha ilustración realizada por Vizoso en 2006, coa autorización da súa familia, como homenaxe ao artista tras o seu falecemento.
Entre 100 e 150 postos e máis de 5.000 quilos de polbo
A vertente máis tradicional da romaría volverá ter un peso destacado. Desde a tarde do venres instalaranse na avenida de Santa Minia entre 100 e 150 postos e casetas, con produtos tan diversos como rosquillas, roupa, artigos de segunda man, embutidos, doces, licores, filloas, ferramentas, artesanía, velas, imaxes relixiosas ou xeados.
As polbeiras situaranse, como é habitual, na contorna da carballeira. A previsión é que durante os días de festa se sirvan máis de 5.000 quilos de polbo, ademais de churrasco e outros produtos.
A organización manterá tamén o Punto Lila, operativo durante os tres días na zona dos concertos, para ofrecer atención e sensibilización fronte ás agresións contra mulleres e persoas LGTBIQ+ e promover unhas festas libres de violencia.
A programación relixiosa
Os actos relixiosos comezarán xa o xoves 17 de setembro, coa Novena de Santa Minia, que contará con misas ás 10:00 e ás 20:00 horas ata o día 25.
O sábado 26, Véspera, celebraranse oficios tanto pola mañá como pola tarde, mentres que o domingo 27 terá lugar ás 13:00 horas a misa solemne de Santa Minia. Durante o Día Grande haberá ademais celebracións relixiosas en diferentes horarios ao longo da xornada.
A primeira Santa Minia como Festa de Interese Turístico de Galicia chega así cun programa que combina os elementos tradicionais da romaría cunha ampla proposta musical e cultural, nunha edición para a que o Concello xa comezou tamén a preparar os espazos de aparcamento gratuíto da contorna do santuario ante a previsión de chegada de visitantes.