O Día de Peón reunirá a máis de 700 rapaces en Brión

A Carballeira de Santa Minia acolle este venres o acto central galego do Día do Peón, baixo a o lema "Polo San Martiño, peons ó camiño"

Imaxe de arquivo dunha celebración do Día do Peón | MELGA

A Carballeira de Santa Minia, en Brión, acollerá este venres 11 de novembro ás 12:00 horas o acto central do XVI Día do Peón, que organiza Brinquedia, a Rede Galega do Xogo Tradicional. Baixo a lenda “Polo San Martiño, peóns ao camiño”, preto de 700 rapaces e rapazas das escolas infantís dos Ánxeles e Sabaxáns, do CEIP de Pedrouzos e do IES Brión reuniranse na carballeira para facer un lanzamento colectivo de peóns e bailaretes.

O acto tamén contará cunha exhibición dun artesán torneiro e un magosto. O Manifesto do Día do Peón será lido por Lucho Penabade Outeiro, veciño de Brión e coñecido actor, director, guionista e membro do grupo de teatro “Os Quinquilláns”. Un acto no que estará acompañado polo alcalde de Brión, Pablo Lago, e pola concelleira de Cultura, Sandy Cebral.

Esta iniciativa busca normalizar o patrimonio lúdico na sociedade e, en particular, as buxainas entre a rapazada. Como en anteriores edicións, Brinquedia convida aos centros educativos, asociacións e persoas a que se fagan cun peón e o poñan a bailar conxuntamente este venres nun espazo público, subindo fotos ás redes sociais coa etiqueta #DíaDoPeón2022.

Cartel do acto central do Día do Peón en Brión | BRINQUEDIA

O Día do Peón chega este ano a Brión despois de pasar en edicións anteriores por municipios como Santiago, Ferrol, Melide, Carnota, Outes, Noia, Ourense, Manzaneda ou Pontevedra. A convocatoria volve traspasar fronteiras galegas ata Euskadi, concretamente á Ikastola Alkartu de Barakaldo co XIV ziba eguna.

Entre as actividades a realizar destacan a visita de Marco Palma, profesional do trompo mexicano que ofrecerá exhibicións toda esta semana en diferentes espazos; e a cita co Centro Galego Bizkaia cun magosto. Ademais, este ano, a iniciativa do profesor e experto en xogos tradicionais Joseba González Porras pretende recadar fondos para a Cuadri del Hospi, asociación benéfica que axuda á investigación e benestar das familias de menores con cancro.

Entre as próximas accións de Brinquedia a realizar para normalizar o patrimonio lúdico atópase a solicitude á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades de incluír o 11 de novembro como Día do Peón entre as conmemoracións do calendario escolar do curso 2023/24. Brinquedia naceu o 27 de marzo de 2005 logo da Asemblea Fundacional realizada na Casa da Cultura de Riotorto (Lugo) para promover o xogo tradicional galego. Está formada por persoas físicas e xurídicas con interese no patrimonio lúdico.

Salir de la versión móvil