O Concello de Oroso puxo en marcha ‘Oroso de Corazón’, co obxectivo de convertirse nun municipio cardioprotexido e impulsar os hábitos de vida saudables entre os seus veciños e veciñas.
“Esta pandemia fíxonos reflexionar sobre a importancia da saúde e de estar moi preto da xente, temos que ter claro o que é importante, por iso pensamos nesta iniciativa para fomentar a cultura da vida saudable, con charlas, cursos e diferentes iniciativas”, explica o alcalde, Luis Rey.
Entre as actuacións que farán de Oroso un concello cardioprotexido, están os cursos de reanimación, masaxe cardíaco e maniobras ante casos de asfixia para a veciñanza; a formación sobre uso de desfibriladores para clubes deportivos, asociacións e centros educativos, e sesións formativas sobre alimentación, nutrición e consellos para evitar a obesidade infantil.
Haberá tamén outras iniciativas para fomentar os hábitos de vida saudable entre os orosáns, como as andainas, e xornadas para que os veciños e veciñas poidan medirse a tensión, o azúcar e outros parámetros.
RCP BÁSICA
A primeira actividade xa se fixo: será un curso de reanimación cardiopulmonar (RCP) básico, aberto aos veciños e veciñas interesadas e que se celebrou no centro cultural de Oroso. As técnicas de RCP son fundamentais en casos de infarto.
“O 80% das enfermidades poden evitarse con prevención, algo que temos que ter sempre en conta, e para os casos de urxencia, como os infartos, ter unhas nocións de primeiros auxilios poden salvar unha vida”, afirma a directora do centro de saúde de Oroso, María José Méndez.
“Quixemos impulsar esta iniciativa desde o concello, combinando sanidade e educación; o programa chegará a todas as idades para concienciar da importancia da saúde e dos controis sanitarios”, engade Beatriz Rodeiro, concelleira de Sanidade.