Camiño Escena Norte levará os seus ‘Latexos Escénicos’ a nove municipios galegos este outono

O programa de intercambio cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa vén de presentar a programación da súa oitava edición
A presentación de Camiño Escena Norte na Praza do Obradoiro | MIGUEL LAMAS
A presentación de Camiño Escena Norte na Praza do Obradoiro | MIGUEL LAMAS

Camiño Escena Norte volverá encher de artes escénicas diferentes escenarios de Galicia durante o outono cunha programación que chegará a nove municipios das provincias da Coruña e Lugo. O programa de intercambio cultural desenvolverase entre o 18 de setembro e o 15 de novembro e permitirá ao público galego descubrir propostas procedentes de Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa.

Baixo o lema ‘Latexos Escénicos’, esta nova edición aposta por achegar ao público diferentes linguaxes e formatos, desde o teatro para adultos e familiar ata os monicreques, o ilusionismo inmersivo e outras propostas vinculadas ás artes vivas.

Nove concellos acollerán o Itinerario Constelacións

As representacións do denominado Itinerario Constelacións recalarán en Foz, Sarria, Outes, Negreira, Lugo, Santiago de Compostela, Ribadeo, Arzúa e Vimianzo.

A programación comezará o 26 de setembro en Foz e continuará ao día seguinte en Sarria coa obra Juana I de Castilla, de Nueve Lunas Teatro, unha proposta que combina humor, música e ironía para abordar cuestións como a violencia contra as mulleres e a saúde mental.

O 10 de outubro, Outes recibirá 52 Hercios, de Ados Teatroa, unha peza que emprega como punto de partida o canto dunha balea que se comunica nunha frecuencia diferente á do resto da súa especie para reflexionar sobre a soidade non desexada.

O teatro familiar chegará a Negreira o 16 de outubro e a Arzúa o 30 de outubro con El gato con botas de agua, unha reinterpretación contemporánea do coñecido conto infantil a cargo da compañía asturiana El Callejón del Gato.

Por outra banda, Lugo e Santiago de Compostela acollerán os días 17 e 18 de outubro, respectivamente, La balada del norte, adaptación teatral da novela gráfica de Alfonso Zapico realizada por Saltantes Teatro. A obra afonda na memoria histórica e no conflito de clases a través do contexto da Revolución de 1934.

En Ribadeo, o 25 de outubro, Hodei presentará 3 Elementos – Una experiencia mágica inmersiva 360º, un espectáculo de ilusionismo multisensorial pensado para todos os públicos, con dúas funcións programadas.

A programación galega de Camiño Escena Norte rematará o 30 de outubro en Vimianzo con ¿Dónde están los niños?, de Tartean Teatroa, unha obra que reflexiona sobre as presións ás que se enfronta a infancia e sobre as consecuencias dunha sociedade cada vez máis esixente.

Tres compañías galegas levarán o seu traballo ao norte da Península

O intercambio cultural será tamén de ida e volta. Mentres Galicia recibe espectáculos doutras comunidades, tres compañías galegas percorrerán Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra para mostrar a creación escénica producida en Galicia.

Ártika Cía participará co espectáculo Non pasarán, Teatro de Ningures levará As gardiás, ou o nó do tecelán, distinguido co Premio da Crítica de Galicia 2025, e Teatro O Cubo presentará Voo.

As propostas galegas terán presenza en localidades como Marina de Cudeyo, Hondarribia, Corvera, Zizur Mayor, Unquera, Villaviciosa, Zarautz, Xixón e Sopela, ampliando así a circulación das producións do país.

A presentación de Camiño Escena Norte na Praza do Obradoiro | MIGUEL LAMAS

Camiño Escena Norte está impulsado polas asociacións profesionais Escena Galega, EscenAsturias, ACEPAE, Escena, ESNA e AEscena, representantes dos seis territorios participantes. Desde a súa creación, o programa busca favorecer a mobilidade das compañías e o intercambio cultural mediante propostas de teatro, danza, monicreques, circo contemporáneo, ilusionismo e artes do movemento.

A iniciativa conta co apoio de diferentes administracións públicas e entidades, entre elas a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e a Deputación de Lugo, ademais dos gobernos autonómicos e institucións dos territorios participantes. Vegalsa-Eroski mantense como patrocinador oficial.

Toda a programación pode consultarse na web de Camiño Escena Norte, que tamén ofrece o Catálogo de Espectáculos Recomendados, composto por 36 propostas, 18 delas integradas no Itinerario Constelacións.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.