A Copa 5×5 Deputación da Coruña – Balonmán na Rúa levará o balonmán ás rúas de sete concellos da provincia, nun proxecto dirixido a nenas e nenos de 6 a 11 anos, que se achegarán ao balonmán dunha forma lúdica e divertida.
Este martes tivo lugar o acto de presentación da Copa 5×5 na sede da Deputación Provincial da Coruña, no que participaron a deputada de Deportes, Cristina Capelán Cancelo, e o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López Molina.
Cristina Capelán destacou o atractivo desta nova proposta que, ademais de promocionar aos concellos con esta orixinal competición, “saca o balonmán dos pavillóns para achegalo a todos os públicos na rúa”. “Estou segura de que levar este deporte á rúa fará que moitos nenos e nenas o descubran e se animen a practicalo. A nosa idea é crear un evento importante para que a xente goce do espectáculo do balonmán, onde temos unha gran canteira con deportistas”.
Capelán referiuse “ao importante papel da Federación Galega de Balonmán e a súa aposta de chegar a máis concellos nos que aínda non hai escolas ou clubs estables mediante iniciativas como esta, que permiten unha maior visibilidade a este deporte, achegando o balonmán a todos eses nenos e nenas que non o practicaron nunca e que ademais crean sinerxias entre o deporte e o tecido local”.
Pola súa banda, Bruno López, agradeceu a aposta da Deputación da Coruña por un proxecto “novidoso e valente, que nos permite darlle visibilidade ao noso deporte escapando dos pavillóns e montando unha gran festa lúdica e deportiva en lugares emblemáticos de sete localidades da provincia”.
Primeira proba, esta fin de semana en Carballo
O máximo responsable da FGBm referiuse á primeira proba da Copa 5×5, que se vai disputar esta fin de semana en Carballo, na que contan co apoio do Concello, dos centros escolares e do club Xiria: “Vai ser unha proba de fogo nunha vila que vive o balonmán con paixón”.
A Copa 5×5 Deputación da Coruña – Balonmán na Rúa contará cun total de sete sedes e na última, Camariñas, celebrarase a final na que participará os 6 campións da probas anteriores. O torneo comezará esta fin de semana (do 3 ao 5 de febreiro) na Praza do Concello de Carballo, e posteriormente desprazarase a Cerceda (10-12 de febreiro), Ferrol (24-26 de febreiro), Muros (10-12 de marzo), Arzúa (24-26 de marzo) e Ribeira (14-16 de abril).
Nos lugares elixidos disporase unha pista de mini-balonmán ao aire libre, con bancadas para 250 persoas para que familias e afeccionados poidan gozar vendo en acción aos máis pequenos/as.
A pista disporá de marcador electrónico, unha gran pantalla LED, megafonía, speaker e comentaristas, emisión en directo en streaming e dron para as tomas aéreas do evento, configurando un gran espectáculo para toda a familia no que os pequenos e pequenas deportistas serán protagonistas.
Os equipos participantes deberán ter un mínimo de cinco integrantes ademais dun responsable, que terá que ter máis de 16 anos. A inscrición é gratuíta e a Federación Galega de Balonmán está a contactar cos centros escolares das diferentes localidades, co obxectivo de impartir sesións de promoción do balonmán, nas que xa se introducirán unhas nocións básicas para xogar un partido desta modalidade.
Todas e todos os participantes recibirán unha equipación conmemorativa e os dous primeiros clasificados de cada proba en cada categoría recibirán un trofeo e medallas para todos os integrantes do equipo.
Todas as persoas interesadas poderán inscribirse no seu propio centro escolar ou ben na seguinte ligazón.