Así será ‘Vimianzo M.O.L.A.: un castelo de lenda’: tres días de muralismo, oralidade, literatura e arte

O Castelo de Vimianzo será un punto de encontro para a cultura, a creación artística e a memoria histórica do 4 ao 6 de setembro da man desta programación, impulsada polo Concello co apoio da área de Turismo da Deputación da Coruña
A presentación de 'Vimianzo M.O.L.A.: un castelo de lenda' | DEPUTACIÓN DA CORUÑA
A presentación de 'Vimianzo M.O.L.A.: un castelo de lenda' | DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Vimianzo volverá converterse en setembro nun punto de encontro para a cultura, a creación artística e a memoria histórica coa segunda edición de ‘Vimianzo M.O.L.A.: un castelo de lenda’. A iniciativa, apoiada pola área de Turismo da Deputación da Coruña, desenvolverase entre o 4 e o 6 de setembro e terá o Castelo de Vimianzo como principal escenario.

O programa foi presentado este martes no propio castelo pola alcaldesa, Mónica Rodríguez, e o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira. A proposta busca consolidar o municipio como un referente cultural da Costa da Morte a través dunha programación que combinará muralismo, oralidade, literatura e diferentes manifestacións artísticas.

A alcaldesa definiu esta segunda edición como «unha aposta por dar continuidade a un evento que pretende converterse nunha cita anual». O festival permitirá reunir no municipio a autores e autoras galegos de recoñecido prestixio xunto con numerosos creadores da Costa da Morte, ademais de ofrecer actividades pensadas para públicos de todas as idades.

Tamén salientou a importancia que terán a participación cidadá e a arte urbana, con murais e obradoiros que deixarán un legado artístico permanente en Vimianzo, máis aló desta programación.

Pola súa banda, Regueira destacou durante a presentación a importancia de recuperar o patrimonio como espazo de encontro coa cidadanía e reivindicou o papel da cultura na transmisión da memoria. Segundo explicou, o castelo pasou de ser «unha construción vinculada á defensa» a converterse «nun lugar aberto á sociedade», polo que considerou iniciativas como esta «unha vía para achegar a historia ás novas xeracións».

Literatura, teatro e música no Castelo

As catro grandes liñas do Vimianzo M.O.L.A. serán os murais, a oralidade, a literatura e as artes. A programación prestará ademais especial atención a dous episodios históricos relacionados co castelo: a toma da fortaleza polo Goberno republicano hai 90 anos e a revolta irmandiña de 1467.

Durante as tres xornadas haberá presentacións e sinaturas de libros, encontros con escritores, contacontos, monicreques, narración oral, música e visitas teatralizadas, ademais dunha feira do libro que permanecerá aberta no recinto desde as 18:00 horas.

O venres 4 de setembro, a programación arrancará coa presentación de ‘A Primeira Dama’, de Julio Romero Suárez, e continuará con propostas como ‘Os Contos de Shakespeare’, de Pedras de Cartón, ou un espectáculo de A Cova das Letras. A xornada incluirá tamén unha nova edición das ‘Conversas a pé de páxina’, que reunirá ás escritoras María Oruña e Arantza Portabales.

O sábado 5 estará especialmente dedicado á literatura e ao público familiar. María Canosa e Nerea Pallares participarán nas sesións finais dos clubs de lectura, mentres que K’Paparota Teatro ofrecerá unha proposta de contacontos. Tamén haberá sinaturas de libros, unha instalación de monicreques autónomos de Trécola Producións e unha conversa entre Alberto Lema e Rosalía Fernández Rial.

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, durante a presentación de ‘Vimianzo M.O.L.A.: un castelo de lenda’ | DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A música terá tamén o seu espazo con unha proposta baseada nos seis poemas galegos de Lorca, a cargo de Benxamín Otero e Rafa Fernández. Pola noite, Os Quinquilláns conducirán unha visita teatralizada polo castelo.

O domingo 6 continuará a actividade con novas visitas teatralizadas, a presentación do libro ‘Lope Sánchez de Moscoso, un vizconde no tempo de Enrique IV de Castela’, de Manuel Canosa Trillo, e o traballo ‘Os 3 nomes de Sartegua’, do xornalista Alberto Mancebo, que estará acompañado por Ana Gayoso.

A programación familiar contará con ‘¿Por qué los pájaros no tienen rey?’, de David Acera, mentres que Vero Rilo ofrecerá para o público adulto o espectáculo de narración e música ‘Lavandeiras’. A última das ‘Conversas a pé de páxina’ abordará a toma do castelo e a represión franquista en Galicia, con Montse Fajardo, Luís Sánchez e Luís Lamela.

A feira do libro estará presente durante as tres xornadas, permitindo ao público coñecer e adquirir as obras dos autores participantes.

Os libros tamén sairán ás rúas

A proposta non quedará limitada ao interior do castelo. A arte urbana volverá ocupar distintos espazos de Vimianzo coa creación dun Mural XXL a cargo de Cristian F. Caruncho, que comezará o 24 de agosto na rúa Rosalía de Castro, número 7.

A programación artística incluirá tamén un mural colaborativo para rapazas e rapaces de entre 8 e 16 anos, previsto para os días 27 e 28 de agosto entre as 11:00 e as 15:00 horas. As persoas interesadas poderán inscribirse na Casa da Cultura ata o 22 de agosto.

Deste xeito, ‘Vimianzo M.O.L.A.: un castelo de lenda’ pretende conectar patrimonio, literatura e creación contemporánea, levando a cultura tanto ao recinto histórico como ás rúas da vila e dando cabida tanto a artistas profesionais como á participación da veciñanza.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.