A Muiñada de Vimianzo volve este mes de outubro para a súa sétima edición cun completo programa que, mantendo a tendencia do ano pasado pero recuperando as actividades anteriores, estenderase dende o sábado 8 ata o domingo 9, con espazo para as foliadas, rutas teatrais, sesións vermú, xogos, artesanía e, por suposto, moita música da man de Xisco Feijóo, Xurxo Fernandes, Budiño, Pan sen Fron ou Os do Fondo da Barra.
Programación do sábado
Continuando co formato do ano pasado, a festa incluirá tres grandes citas ao longo do sábado para as que se requirirá o pagamento da entrada: a Ruta Teatral e os concertos da Sesión Vermú e do Serán e Noite no Muíño da Agra.
A primeira trátase da Ruta teatral polos muíños de Cambeda, un percorrido duns catro quilómetros por esta paraxe chea de fervenzas, durante a que irán saíndo ao paso do visitante personaxes de época. As saídas realizaranse por tempos en grupos reducidos.
Á hora da sesión vermú a festa móvese ao muíño da Gándara, onde se poderá gozar dun dos pratos fortes do día, a actuación de Xisco Feijóo, en formato dúo acompañado de Xan Pérez.
Despois de xantar ábrese unha tarde de xogos, visita guiada, concurso de debullado, artesanía e unha foliada cativa. O Muíño da Agra estará animado durante toda a tarde coas diferentes actividades que desembocarán nun serán musical. A partir das 19:00 horas dará comezo o concerto de Pan sen Fron, tralo que se recuperará a esperada foliada con grupos da comarca e a cea tradicional, con opción vegana. A partir daí, noite de concertos con Xurxo Fernandes, Budiño e Os do Fondo da Barra.
Tanto a foliada como a cea serán de entrada libre, mentres que para os concertos é necesario mercar entrada en EnterTicket.
Programación do domingo
O domingo as actividades centraranse na mañá, coa realización da ruta «A pegada celta, de Sanfins
a Ogas» con David Roget a partir das 10:30 horas. Unha alternativa a esta actividade será a carreira popular da «Milla do millo», no Muíño das Pasantes. O punto final da festa marcarao a sesión vermú da vimiancesa Tania Caamaño e Andrés Boutureira no Muíño da Agra.

Dende este mércores están saíndo á venda os diferentes bonos por fases. Para o control de acceso e o apoio ó festival será preciso adquirir entradas nas actividades que se especifican do sábado. Así, entre o 21 e o 28 de setembro é posible adquirir o bono musical por separado ou coa entrada na ruta teatral. Entre o 29 de setembro e o 7 de outubro estarán á venda as entradas para o Serán e a Noite no Muíño da Agra.
Até o venres 30 de setembro tamén estará aberto o prazo para todo aquel que queira realizar un micro-obradoiro ou demostración na festa como artesán, «sempre que teña que ver coa tradición e co espírito da Muiñada». Para facelo pode contactar coa Asociación Cultural Cherinkas a través de Facebook ou coa conta da Muiñada de Vimianzo en Instagram.
A Muiñada de Vimianzo está organizada pola AC Cherinkas, en colaboración co Concello de Vimianzo e a Deputación da Coruña e coa axuda doutros colectivos como a AC Trubisquiña para a foliada ou o clube de atletismo Terra de Soneira para a carreira. Ademais, a organización agradece inmensamente o apoio e axuda da veciñanza na realización desta festa.