Carolina Rubirosa, subcampioa no Liet: «Non me importaría presentarme no Benidorm Fest»

A grovense relátanos a súa experiencia en Tønder, onde acadou a medalla de prata con 118 puntos e quedou a un só voto de levar o festival europeo das linguas minorizadas a Galicia
Carolina Rubirosa no Liet International (LIET INTERNATIONAL)
Carolina Rubirosa no Liet International (LIET INTERNATIONAL)

Mentres España vibraba con Chanel e SloMo en Eurovisión, Galicia vivía a febre de seu con Carolina Rubirosa e O teu camiñar no Liet. 13 territorios con lingua e cultura propias participaron nunha final de infarto, unha gala moi disputada na que a coruñesa acadou o segundo posto e 118 puntos, rozando a vitoria, que finalmente levou Córsega. A candidatura galega, canción oficial do Camiño Inglés e homenaxe ao mítico músico de Liverpool John Lennon (quen tiña pensado pelegrinar ata Compostela con Salvador Dalí), convenceu ao xurado e público a partes iguais. Porén, só un voto deixou fóra á galega de traer a casa o certame. Retornada, falamos coa representante do país neste festival internacional.

Clasificación final do Liet International 2022 (JOEL CAVA)
Clasificación final do Liet International 2022 (JOEL CAVA)

—Eurovisión e o Liet non son a mesma cousa. En que se diferencian?
A principal diferencia radica en que o Liet é un festival que pon o foco na diversidade, na identidade cultural, nas diferenzas que fan de Europa un continente tan rico e fascinante, prestando especial atención ás linguas minoritarias e aos dialectos.

—Que pasou co concurso con máis historia da televisión?
Cos anos, Eurovisión foi uniformizando as súas propostas, moitas delas utilizando as mesmas ferramentas para acadar a atención e sendo o inglés o idioma máis socorrido. Isto, lonxe de potenciar a riqueza idiomática e cultural europea tende a amosar á homoxeneización.

—Dous anos despois, por fin puideches actuar no escenario. Como foi a experiencia?
Magnífica, de principio a fin. Pese a que o meu recoñecido e sufrido perfeccionismo sempre ten a sensación de que se pode dar máis e mellor, as sensacións foron moi boas cos compañeiros e a organización.

—Con que actitude ías?
Como veño dicindo dende a miña volta, isto non é un certame onde se compita, é unha festa onde se celebra o orgullo de ser parte dunha rexión cunha cultura e idiomas identitarios.

—Xurado e público quedaron namorados de O teu camiñar. Que tiña a candidatura galega respecto ás demais propostas?
É difícil falar dunha canción propia de maneira obxectiva. Imaxino que a propia natureza da composición, de corte pop e fácil escoita, e tamén, que creo que é unha canción que conecta con moitos públicos pola súa mensaxe.

Como xa nos adiantaches hai unhas semanas, borraches todo rastro do inglés.
Para a ocasión, estreamos un novo arranxo tanto no final, que sorprendeu aos asistentes, como na letra, cambiando as últimas frases por “seguíndote, seguíndome”.

—Galicia estivo a só un punto de gañar o festival, pero Córsega levou o premio. A que sabe ese segundo posto como subcampioa?
Voltamos coa sensación de vitoria por varios motivos. Primeiramente, porque chegamos coas expectativas baixas, tendo en conta o nivel dos participantes.

—Pero…
O certo é que xa dende o primeiro día, os ecos que nos chegaron dende os compañeiros foron que eramos uns dos favoritos para gañar, o que fixo que foramos incrementando a ilusión pero tamén a presión co transcurso dos días previos, pero sempre, sendo conscientes de que o nivel era moi alto e que sería difícil facerse co título. A gañadora, Doria, é unha magnífica intérprete, a banda que a acompañaba era excelente, e a canción foi xusta gañadora.

—Quen era o teu favorito?
Roger Argemí é un rapaz cun talento desbordante e levaba unha gran canción. Outro dos meus preferidos eran Yourdaughters, uns rapaces con actitude e aptitude, que acabaron no podio nas puntuacións.

—Vai xurdir algunha colaboración cos compañeiros da edición?
Así é. Adri de Boer, de Frisia, convidoume a facer unha canción xuntos e niso estamos xa. Doria invitoume a actuar en Córsega, e estamos en contacto para buscar datas despois da voráxine dos concertos do verán, e con Roger Argemí faremos tamén unha sinerxia catalano-galega froito desta marabillosa experiencia.

—Fica lonxe Eurovisión tras esta aventura?
Fica menos lonxe do que puidera pensar previamente. De feito, está sendo unha pregunta recorrente estes días e, sempre falando en condicional polo de agora, non me importaría presentarme ao Benidorm Fest. Nunca sabes onde pode estar a oportunidade da túa vida.

—Que vén nas vindeiras semanas?
Teño unha axenda para os próximos meses do máis variada. Concertos en varios formatos, charlas, lectura do pregón das festas do meu pobo, festivais con artistas internacionais, e gravación dun novo traballo discográfico en galego-portugués que levará por título Soldadeiras.

Relacionadas

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.