O Concello de Santiago xa ten o seu primeiro gran nome para as Festas da Ascensión 2026: Mondra será o artista encargado de facer vibrar a Praza da Quintana no día grande das celebracións, o xoves 14 de maio. O anuncio foi realizado pola concelleira de Festas, Pilar Lueiro, xunto co propio músico, a través dun vídeo difundido nas redes sociais municipais.
O artista, natural de Teo e afincado en Compostela, expresou a súa emoción por actuar nun dos espazos máis emblemáticos da cidade e avanzou que será unha xornada “moi especial”. A actuación chega nun momento de plena actividade para Mondra, que continúa a consolidarse como unha das figuras máis destacadas da música galega contemporánea.
“Mazarocas”, o seu novo sinxelo en colaboración con Baiuca, coincide co anuncio do espectáculo. O seu segundo álbum, “De Ronda” (2025), continúa a xirar por todo o país tras esgotar entradas na súa presentación en Santiago. Sobre o escenario, Mondra estará acompañado por Artur Puga, Julia Sánchez-Biezma, Xabi Gómez e Saínza Piñeiro, ademais das intérpretes de danza Sabela Domínguez e Jandros Rodríguez.
A Praza da Quintana, escenario habitual das grandes citas da Ascensión, acollerá un espectáculo que promete encher o espazo e converterse nun dos momentos máis esperados da programación deste ano. Co anuncio deste concerto, o goberno municipal abre a porta ao resto da programación.

