Os Premios Paraugas 2026 prepáranse para unha nova edición con cambios que buscan reflectir a evolución do sector da comunicación en Galicia e dar maior visibilidade ao talento que existe na comunidade. Entre as principais novidades destaca a incorporación dunha categoría específica para traballos realizados en lingua galega, unha aposta pola identidade propia e polo recoñecemento da creación desenvolvida no noso idioma. A gala volverá ter lugar en Ferrol, por cuarto ano consecutivo, nun encontro que reunirá arredor de 400 profesionais, axencias e empresas vinculadas á comunicación.
Esta edición chega, ademais, nun momento especial para o Clúster da Comunicación, coa recente incorporación de Marta Ferro á presidencia. Aínda que xa formaba parte da anterior xunta directiva, asumir o liderado da entidade supón, segundo recoñece, un importante desafío.
«Os Paraugas son o primeiro gran exame da xestión do clúster en xeral», asegura Ferro, que afronta esta cita como unha oportunidade para introducir cambios, dinamizar o sector e reforzar o papel dunha industria que considera fundamental para o desenvolvemento económico de Galicia.
Unha nova categoría para premiar a comunicación en galego
Un dos cambios máis significativos dos Premios Paraugas 2026 será a creación dunha categoría propia para recoñecer campañas e traballos realizados en lingua galega. «Se somos o Clúster da Comunicación de Galicia, considero que é importantísimo premiar os traballos realizados en lingua galega», sinala Ferro.
A iniciativa pretende dar visibilidade ás propostas que empregan o idioma propio como ferramenta de creación e comunicación, incorporándoo tamén ao recoñecemento profesional que ofrecen estes galardóns.
Non será a única modificación. A organización decidiu separar as categorías de deseño gráfico e deseño dixital, que ata agora compartían espazo nunha mesma modalidade. Deste xeito, os premios adaptan as súas categorías á evolución das disciplinas e ás novas formas de traballo dentro da industria.
José María Fonseca Moretón, Premio de Honra Galicia Calidade
Outra das grandes novidades será o recoñecemento a José María Fonseca Moretón, presidente de Bodegas Terras Gauda, co Premio de Honra Galicia Calidade. Unha distinción que non responde unicamente á súa traxectoria empresarial, senón á súa aposta polo deseño e pola promoción cultural. Hai 25 anos impulsou a creación da Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda, un certame que contribuíu a proxectar internacionalmente o deseño e que celebra este ano o seu 25 aniversario.
A bienal, que leva o nome de Francisco Mantecón en homenaxe ao deseñador que realizou a primeira etiqueta de Terras Gauda, converteuse nunha referencia para poñer en valor esta disciplina. O Premio Paraugas de Ouro, pola súa banda, seguirá sendo o recoñecemento á campaña ou traballo de maior relevancia da edición, cuxo nome non se coñecerá ata a propia gala.
Ferrol, escenario dunha festa para todo o sector
Os Premios Paraugas volverán celebrarse en Ferrol, que acolle os galardóns por cuarto ano consecutivo. A decisión de trasladar a gala á cidade responde á vontade de descentralizar a actividade e levar os grandes encontros do sector a outras cidades galegas.
Ferro explica que a elección estivo moi vinculada ás características do espazo: o Teatro Jofre, un edificio emblemático que ofrece as condicións necesarias para acoller un evento destas dimensións. A organización busca un lugar cunha capacidade suficiente para reunir os profesionais, pero tamén afastarse das grandes cidades habituais.

«A comunicación somos todos», un lema claro
Marta Ferro reivindica que a comunicación é unha cadea de valor moito máis ampla, na que tamén participan produtoras audiovisuais, organizadores de eventos, responsables de comunicación e márketing, axencias e medios.
«Antes da creatividade ten que vir a estratexia, ten que vir a análise», explica. Para Ferro, unha campaña non nace unicamente dunha idea visual, senón dun traballo previo de planificación e coñecemento que determina como debe comunicarse unha empresa ou unha marca.
Neste sentido, tamén fai un chamamento aos medios de comunicación para que se incorporen ao Clúster, ao considerar que son unha parte esencial á hora de proxectar o traballo do sector e conectar coas empresas anunciantes.
A presidenta destaca, ademais, o bo momento da creatividade galega e considera que Galicia conta con profesionais e axencias cunha posición moi competitiva respecto ao resto de España. Un talento que, defende, debe entenderse como parte dunha industria con capacidade para impulsar outros sectores económicos.
Un sector que buscar ser motor da competitividade empresarial
Entre as prioridades da nova etapa do Clúster está precisamente conseguir que as empresas doutras industrias recoñezan o valor da comunicación e incorporen profesionais especializados aos seus equipos ou contraten os servizos das axencias.
«Temos claro que queremos mostrarnos como unha industria que axuda á competitividade doutras industrias», afirma Ferro. Para conseguilo, a entidade pretende impulsar proxectos conxuntos, iniciativas interclúster e ferramentas que permitan establecer colaboracións con outros ámbitos empresariais.
A outra gran prioridade será escoitar os propios socios. A nova xunta directiva quere construír unha organización máis participativa, estruturada en comisións de traballo e centrada nas necesidades reais das empresas e dos profesionais que forman parte dela.
Nesa liña sitúase o primeiro Foro do Clúster da Comunicación, unha xornada de traballo na que se presentarán os resultados preliminares dun informe sobre o estado da competitividade das empresas galegas do sector, elaborado a partir de enquisas. O encontro contará tamén coa participación das asociacións que integran a entidade, como Creatividade Galega, OPC Galicia e Dircom Galicia, para poñer en común preocupacións e definir posibles liñas de actuación.
A intención é clara: escoitar primeiro para planificar despois. A partir das conclusións deste encontro, o Clúster quere elaborar un plan director que marque a estratexia dos próximos tres anos.

A intelixencia artificial como ferramenta, non como substituta
A transformación tecnolóxica é outro dos grandes desafíos que afronta o sector. Sobre a chegada da intelixencia artificial, Marta Ferro considera que debe abordarse como unha ferramenta máis dentro dos procesos creativos e estratéxicos, sen perder de vista aquilo que diferencia o traballo humano.
A presidenta compara esta transformación coa chegada de internet e dos grandes buscadores, que obrigaron os profesionais a adaptar as súas formas de traballar. Na súa opinión, a clave está en integrar as novas posibilidades tecnolóxicas sen depender exclusivamente delas.
«Se non traballamos a intelixencia artificial, se só nos baseamos no que a intelixencia artificial nos dá, non imos ter ese compoñente humano que é imprescindible para o noso traballo», advirte.
O pensamento crítico, a capacidade estratéxica, o criterio profesional e a proximidade coas persoas son, para Ferro, elementos que ningunha máquina pode substituír. Por iso, lonxe de considerala unha ameaza, ve na IA unha oportunidade para potenciar o traballo creativo e estratéxico.
A marca Galicia, unha oportunidade para proxectarse ao exterior
A comunicación tamén desempeña, segundo Ferro, un papel fundamental na proxección das empresas galegas fóra da comunidade. A presidenta considera que a marca Galicia transmite valores de calidade que deben estar presentes en todos os ámbitos dunha empresa, e non unicamente na súa imaxe exterior.
Neste escenario, o sector da comunicación pode actuar como unha auténtica palanca de competitividade e proxección empresarial, contribuíndo a construír marcas sólidas, definir relatos propios e abrir novos mercados.
Desde unha campaña publicitaria ata a participación nunha feira comercial, Ferro defende a importancia de contar cunha estratexia profesionalizada que permita ás empresas transmitir unha identidade recoñecible e competir tamén no ámbito nacional e internacional.
Unha idea que conecta directamente co sentido dos Premios Paraugas: recoñecer o traballo dos profesionais que, a través da comunicación, contribúen a construír marcas, impulsar negocios e proxectar o talento galego.
Porque, máis alá dos galardóns, a cita de Ferrol pretende ser tamén un punto de encontro para unha industria que busca reforzar a súa identidade, gañar peso económico e demostrar que a comunicación é moito máis ca publicidade: é unha peza estratéxica para o futuro das empresas galegas.
