As artes escénicas galegas teñen un novo galardón, o Premio Xosé Manuel Olveira ‘Pico’ do Observatorio do Teatro Galego (OTG), o cal pon en valor unha das ferramentas máis importantes na labor dos actores e actrices: a calidade e dignidade da lingua oral. O premio, que nace do convenio entre a Academia Galega de Teatro e a Universidade da Coruña, e que ademais honra ao falecido actor Xosé Manuel Olveira, xa ten o seu primeiro gañador: o actor lucense Luís Iglesia Besteiro.
Este galardón xorde tras unha enquisa realizada polo OTG a creadores, directores e programadores sobre os usos lingüísticos no teatro. O responsable deste proxecto, Carlos Caetano Biscaínho, destacou que os resultados amosaban como os intérpretes máis novos considerábanse pouco competentes no modelo oral galego e afirmaban ter poucos referentes e espazos para aprender. Así mesmo destacou que a falta do galego en medios públicos como a TVG agravou a situación. Ante isto, o premio busca reivindicar a excelencia fonética no ámbito artístico e cultural.
O actor galego comezou a súa andaina na televisión a finais dos anos oitenta en programas infantís e aínda que gran parte da súa carreira pode verse no audiovisual, o teatro foi fundamental nos seus comezos, destacando o seu traballo con Teatro do Aquí con ‘Rastros’ ou ‘A ópera de a patacón’. Tamén cabe destacar o seu papel en ‘Gaivotas subterráneas’, con Xabier Deibe, polo que foi galardoado co Premio Fetega a mellor actor de teatro. E como non, hai que mencionar a súa nominación a mellor actor protagonista nos Premios Mestre Mateo pola serie ‘Matalobos’, onde interpretaba ao narcotraficante Carmelo Matalobos.

Mais Luís non é só actor, pois tamén ten a voz que dobra ao galego os papeis de Harrison Ford, Robert De Niro, Mel Gibson, Paul Newman, Chuck Norris, ou mesmo do gato Garfield.
Co seu galardón, o xurado composto por Rosa Moledo Maneiro, Carme Hermida Gulías, Cristina Domínguez Dapena, Carlos Biscainho e Francisco Oti Ríos, quixo destacar o «seu labor escénico maxistral en relación co modelo oral galego, que serve de referencia ao conxunto dos intérpretes que traballan na nosa lingua» ademais da súa coherencia e defensa do idioma.
