O Festival Feito a Man volverá a encher de música as rúas e prazas de Santiago

Dende os seus inicios, en 1987, conta coa axuda de diversos establecementos da zona vella comprometidos coa cultura e coa cidade
BeFunky-collage-14

Dende o 4 ata o 22 de agosto a capital galega vivirá 30 propostas artísticas de diferentes estilos musicais polas rúas e prazas da súa zona vella. Este ano incorporarán ademais a proxección e coloquio do documental «A Terra por gañar. Unha historia do ecoloxismo galego» de ADEGA.

Organizado pola Asociación Cultural Cidade Vella co apoio do Concello de Santiago e o patrocinio da Deputación da Coruña, trátase dun festival que, como destacou a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, «é un espectáculo de escala humana que nos recorda a grandeza do pequeno».

Jesús Pais, Míriam Louzao e Ánxeles Porto na presentación do festival / CONCELLO DE SANTIAGO

Doutra banda, a directora do festival Ánxeles Porto puxo en valor, durante a rolda de prensa no Pazo de Raxoi, o cartel do festival, feito pola música e ilustradora Gloria Pavía, que rende homenaxe ao artista Narf no décimo aniversario do seu falecemento. Asi mesmo, destacou a variedade de estilos musicais do proxecto que permitirá o desfrute dun público moi variado, indo dende o art rock británico de Chop Chop, ata os sons brasileiros de Mirla Riomar ou o jazz galego e estadounidense do Alma Micic Trío.

Na presentación tamén estaba o presidente da Asociación Cultural Cidade Vella, Jesús Pais, quen destacou a importancia que logrou este festival na dinamización cultural da zona vella.

Unha programación que une Galicia co resto do mundo

Durante o mes de agosto, os veciños non só desfrutarán de recoñecidas propostas galegas senón tamén doutras tantas internacionais. No ámbito galego actuarán Ruxe-Ruxe, Allo Negro, Seixo, Muaré, Mother Pearl & The Rockin’ Rebels, Océano Eskizo, ou Saibran. Doutra banda, chegarán artistas de fóra como Yosvany Terry de Cuba, Alma Micic Trío (entre Galicia e Estados Unidos), Mirla Riomar (Brasil) e Marcel Vallès (Cataluña) ou Chop Chop dende Reino Unido.

Algúns dos artistas que actuarán durante o mes de agosto na capital

Isto permite a Feito a Man posicionarse como un festival que transita tanto por diversos estilos musicais como polo talento galego e internacional. A programación aposta tamén polas artes escénicas con espectáculos de improvisación teatral e musical así como a proxección do documental de ADEGA para reflexionar acerca do medioambiente. A programación completa pode consultarse na web do festival.

Todo isto levarase a cabo en 14 espazos diferentes, entre os que están a Praza de Feixóo, a Rúa de Xelmírez, a Praza da Quintana ou San Paio de Antealtares.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.