Galicia estivo máis preto ca nunca de ir a Turín coas Tanxugueiras e a súa Terra. Malia non ter acadado a prezada praza eurovisiva, o ano pasado xa constatamos que as galegas e galegos estamos en todas partes, tamén na Eurovisión. Nesta ocasión queremos dotarnos de voz e voto, e facémolo coa enquisa Galicia 12 puntos, a predición de Enfoques.gal sobre as preferencias do noso país no festival europeo. Máis dunha trintena de profesionais da comunicación, afeccionados ao concurso e antigos representantes galegos téñeno claro: A Italia de Mahmood e Blanco con Brividi é a candidatura favorita da comunidade autónoma para gañar esta edición. 256 points para eles!
Imaxinádesvos a fantasía que sería ver a Aida Tarrío e Olaia e Sabela Maneiro achegando os puntos do xurado galego ao máis puro estilo eurovisivo? Olaaaaa xentiña, boas noites, Europa!, berrarían as nosas pandeireteiras coa catedral de Compostela nas costas en Ano Xacobeo. Ademais dos italianos, o podio completaríano Suecia, medalla de prata (199) con Cornelia Jakobs e a balada de desamor Hold Me Closer, mentres que o bronce (176) iría para o cantante británico do espazo Sam Ryder con Space Man. Pola súa parte, a catalá Chanel con SloMo obtería unha séptima posición (91), a mellor clasificación de RTVE dende o décimo lugar da andaluza Pastora Soler e Quédate conmigo en Bakú 2012.
Coma xa é habitual, os directores galegos de eurovision-spain.com Vicente Rico e Manu Mahía enviáronnos os seus votos, así como os colaboradores deste diario de referencia en castelán sobre o certame, Oscar Abilleira, Sergio Castrelo, Juan García e Iván Müller, o xornalista eurovisivo Alex Chouciño de La Voz de Galicia, os compañeiros Xabi Castro e Lolo Dato do podcast This is Galicia Calling, as comunicadoras Ángela Bellón, Daniel Bernardo, Fátima Castro, Iria Gosende, José María Loureiro e Ana Sánchez do portal musical Madfan, Dani Seijo da canle El Euroté, Lucía Pérez (Eurovisión 2011), Carolina Rubirosa (Liet 2022), o compositor Samuel Bugía e unha vintena de eurofans espallados pola xeografía galega.
Casas de apostas
Semella que as cancións predilectas das galegas e galegos coinciden coas quinielas internacionais. As casas de apostas ferven nestes días de ensaios previos ás galas en directo. E é que, ademais de Italia, Suecia, Reino Unido e España, entre as cinco opcións con máis posibilidades tamén atopamos a Ucraína, con Kalush Orchestra e o rap electrofolk Stefania, que homenaxea a tódalas nais do país. Dende que estourou a guerra con Rusia, o tema ucraíno é o grande favorito para triunfar o vindeiro sábado 14 de maio cun 44% de probabilidades, previsión que de se cumprir, seguro que nos vai traer máis dunha dor de cabeza. Celebraríase Eurovisión 2023 nun territorio en metade dun conflito armado?
Discussion about this post