España quedou ás portas de vencer nesta Eurovisión de infarto conquerida pola banda de hip-hop e electrofolk Kalush Orchestra con Stefania con 631 puntos. Era inevitable, mais o contexto político da guerra con Rusia tamén penetrou no festival europeo. A canción ucraína, adicada á nai dun dos integrantes do grupo musical e coma unha alegoría á patria, hoxe asediada polas tropas rusas, espertou un halo de solidariedade no continente, que lle votou en masa como mostra de apoio. Ingleses e españois viviron o seu propio duelo moi axustado, cunha distancia de sete votos entre o británico Sam Ryder con Space Man, unha actuación estelar con influencias de David Bowie, Elton John e Freddie Mercury e a radiante Chanel con SloMo, segundo (466) e terceiro posto (459) respectivamente.
Tras recibir un odio inxustificable dende a súa escolla, a de Olesa de Montserrat demostrou a súa profesionalidade ao longo destes catro meses, conseguindo devolver España ao podio despois de décadas de malos resultados. Cunha posta en escena brillante, a catalá ergueu o público do Pala Olímpico de Turín dende a primeira nota. Unhas trompetas latinas presentaron á artista empoderada cunha proposta explosiva e acompañada dun grande corpo de baile. O seu sorriso, unha coreografía medida ao milímetro, o abanico como guiño e moitos focos e purpurina conseguiron convencer ao público. En definitiva, o Chanelazo veu para quedar, sendo a mellor marca de RTVE dende o segundo lugar de Anabel Conde con Vuelve conmigo en 1995.
Clasificación
Outra das favoritas deste ano, Suecia con Cornelia Jakobs e Hold Me Closer, obtivo un merecido cuarto lugar e 438 puntos despois de resolver nos ensaios varios incidentes na realización de cámaras da súa actuación. Pola súa parte, a hipnótica Serbia, considerada coma o «darkhorse» (aka, canción sorpresa), co tema In Corpore Sano que reclama a Seguridade Social para artistas no país balcánico, logrou o quinto posto con 312 votos. A anfitrioa Italia con Mahmood e Branco con Brividi (6º), a festa pola reunificación rumano-moldava dos Zbod si Zdub e os irmáns Advahov con Trenuletul (7°), a paixón grega de Amanda Tenfjord con Die Together (8º), a canción portuguesa de primeiro amor de Maro Saudade, saudade (9º) e os lobos de Noruega con Give That Wolf A Banana (10°) pecharon a primeira parte da clasificación.

A gala, presentada por Laura Pausini, Alessandro Cattelan e Mika, perdeu parte da espectacularidade doutras edicións, achegando un Eurovisión all’italiana máis enfocada á mocidade, actualmente o principal público do concurso, co conto italiano universal de Pinocchio e Geppetto como fío argumental, os gañadores do festival de 1964 e 2021 Gigliola Cinquetti e Maneskin como invitados especiais. Ademais, a organización do certame foi criticada pola falla dun dos maiores atractivos do escenario, un Sol formado por uns arcos. Nun principio, a estrutura tiña que xirar e moverse en cada unha das actuacións pero, finalmente, por un problema no mecanismo unha vez montado, non foi posible empregala segundo o previsto e varias delegacións tiveron que repensar as súas escenografías sen marxe de tempo.
Eurovisión 2023
Polo de agora, Ucrania ten acadado ata tres trofeos de cristal, todos eles, cun conflito político de por medio. No 2004, Ruslana e a súa danza étnica dos Cárpatos Wild Dances gañaron o festival co estoupido da Revolución Laranxa entre europeístas e prorrusos no país; no 2016 Jamala convenceu Europa coa balada 1944 sobre a masacre que acometeu Stalin contra o pobo tártaro coincidindo coa Crise de Crimea e a Anexión Rusa da Península; e este 2022 venceron coa Invasión de Rusia. Malia que aínda é cedo para saber como será a vindeira edición, o que é probable é que, de non acompañaren o contexto para acoller un evento internacional deste tipo, Reino Unido, España e Suecia poderían organizar o certame en coprodución cos ucraínos. The Show Must Go On pese á guerra.