O mundo do ciclismo galego vive horas de enorme preocupación e indignación tras o grave atropelo sufrido este domingo polo ciclista e bombeiro ponteareán Samuel González Carrera, de 28 anos, cando adestraba na N-120 ao seu paso por Mondariz. O corredor, un dos grandes especialistas galegos de ciclocross, permanece ingresado na UCI do Hospital Álvaro Cunqueiro, en estado grave pero estable.
O accidente produciuse pasadas as 19:00 horas, cando un turismo invadiu a súa traxectoria e o arroiou por detrás. O impacto foi tan violento que o vehículo acabou incendiado poucos metros despois. O condutor, que abandonou o coche antes de que ardese, negouse a realizar a segunda proba de alcoholemia, aínda que segundo as primeiras medicións triplicaba a taxa permitida.
A gravidade das lesións obrigou a mobilizar o helicóptero medicalizado con base en Santiago, que evacuou a Samuel de urxencia ao hospital vigués. Dende entón permanece en coma inducido, acompañado da súa familia e dos seus compañeiros do corpo de bombeiros de Ponteareas, que foron precisamente os encargados de extinguir o lume do vehículo implicado.
O comunicado da Federación Galega de Ciclismo
A Federación Galega de Ciclismo emitiu un comunicado contundente no que afirma con claridade que o sucedido “non é un accidente”, senón “un delito que pon en risco vidas inocentes”, denunciando que situacións así repítense “con demasiada frecuencia” nas estradas galegas. Nunha publicación en redes sociais, a Federación expresou tamén “todo o agarimo, apoio e proximidade” á familia e ao entorno do corredor, ao que cualifica como “deportista exemplar, compañeiro querido e referente para toda a comunidade ciclista galega” .
O organismo federativo insiste en que non se pode seguir normalizando que adestrar ou simplemente gozar da bicicleta “supoña xogar coa vida”, e reclama ás administracións máis controis, máis educación viaria e unha protección real para os usuarios máis vulnerables da estrada.
A indignación medra entre ciclistas, clubs e afeccionados, que lembran que Galicia leva anos rexistrando un aumento de atropelos a ciclistas, moitos deles relacionados con consumo de alcohol ou velocidade excesiva. A Federación Galega insiste en que a convivencia na estrada depende da responsabilidade de todos, pero especialmente de quen conduce vehículos capaces de causar danos irreparables.


