Alvariño e Castro encaran as probas decisivas para Tokio

Os arqueiros locais son, actualmente, primeiro e terceiro nos clasificatorios

Cos Xogos Olímpicos de Tokio no horizonte, Miguel Alvariño e Daniel Castro seguen na batalla para clasificarse para a gran cita deportiva de 2020. Actualmente son primeiro e terceiro, respectivamente, nas probas realizadas desde o pasado mes de novembro no campo de tiro que a Federación Española ten en San Sebastián de los Reyes, Madrid.

Os arqueiros locais son xa veteranos nestes clasificatorios que se empregará para determinar os catro integrantes do equipo nacional que a partir de primavera participarán en diversas probas dun calendario internacional que, inevitablemente, o próximo ano estará rexido pola competición olímpica.
Polo momento Alvariño lidera a clasificación provisional antes da derradeira proba o que podería darlle o pase como representante español na categoría individual, mentres que Castro mantense terceiro antes da derradeira proba clasificatoria. O momento da verdade será na terceira fase do proceso, cando se celebrarán o quinto, sexto e sétimo clasificatorio -serán, respectivamente, os días 24, 25 e 26 de xaneiro; 7, 8 e 9 de febreiro, e 21, 22 e 23 de febreiro-.

A maiores hai en xogo unha praza por equipos que se disputará na última Copa do Mundo, que se disputará en Berlín e está previsto que se dispute en xullo.

 

Micromecenado
Precisamente, para poder cumprir parte do sono olímpico, o arqueiro pontés Miguel Alvariño iniciou recentemente unha campaña de micromecenado nas redes (no portal patrocinalos.biz/miguel-alvarino) para que calquera aficionado ao deporte o axude a custear os gastos que supón clasificarse para estes xogos olímpicos.

O obxectivo de Alvariño é conseguir 2.000 euros, “que é o que custaron catro ducias de frechas. Se a cousa vai ben, podemos aumentar, xa que teño máis gastos: psicólogo, viaxes, fisio, os meus preparadores”, explicou o arqueiro.

Vive e adestra en As Pontes, o seu pobo natal. De feito, é o único dos arqueiros que se preparan para Tokio que non o fai nun centro de alto rendemento. Aínda así, no ano olímpico os gastos dispáranse e poden superar os 500 euros mensuais. Aínda que recibe axudas públicas a través da ADO, asegura que non son suficientes.

Salir de la versión móvil